publicidade hoxe

O Campo de Voo de Fontefría na Cañiza acolle o Campionato Galego de planeadores remolcados por torno F3B

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CañizaDeportes
A-
A+

Durante os días 28 e 29 de xuño celebrarase este campionato organizado polo Club Voo a Vela Fontefría por delegación do Comité Técnico Galego de Aeromodelismo e no que colaboran a Secretaría Xeral para o Deporte, Deporte Galego, Federación Aeronáutica Galega e Concello da Cañiza.

Esta competición está aberta á participación de pilotos de calquera comunidade autónoma e de calquera nacionalidade. Por razóns de organización, a participación queda limitada a 40 pilotos. Terán preferencia os pilotos con licenza FAG que optan polo Campionato Galego F3B 2014.

O campionato comezará o sábado 28 de xuño ás 10h00 co rexistro e control de frecuencias, deposito de licenzas, entrega de dorsais e briefing no campo de voo. Media hora despois inaugurarase a competición ata que as condicións ambientais o permitan e a Organización estime oportuno. Ao finalizar xeraranse os resultados definitivos e realizarase a entrega de premios e posteriormente terá lugar un xantar de confraternidade.

O Club Voo a Vela Fontefría, con domicilio social na Cañiza, leva desenvolvendo durante este primeiro semestre do ano unha intensa e cualificada actividade coa organización de competicións e campionatos de repercusión nacional e internacional, relanzando a especialidade máis esixente do aeromodelismo, en canto a recursos técnicos e humanos refírese, como é a F3B, da cal o Club organizou o Campionato de España 2012 e unha proba no 2013 do Campionato do Mundo (World Cup Competition 2013 ). Ademais foron pioneiros en introducir en España, a nivel de competición regulada, a especialidade de F3Q ACRO, é dicir, acrobacia con grandes planeadores, unha espectacular modalidade situada na cima da elite deportiva.

Durante este primeiro semestre desenvolveron un intenso calendario que comezou o 4 de xaneiro coa organización dun taller infantil de aeromodelismo, un curso de tecnificación para xuíces e seminario de pilotos impartido o 22 e 23 de marzo, o campionato galego de planeadores de ladeira F3F o 26 de abril e tamén o campionato galego de planeadores remolcados por avión a motor F3Q que se celebrou o pasado 15 de xuño.

O calendario continúa coa celebración do campionato galego de planeadores remolcados por torno F3B que se celebrará este fin de semana e o Open internacional F3B “A Cañiza-2014” World Cup que terá lugar do 25 ao 27 de xullo. O 30 e 31 de agosto péchase o calendario de verán coa celebración do Open Nacional A Cañiza F3Q Acro.

26 de xuño de 2014 | 19:07 • Sen comentarios

Comentarios pechados.