O “Camiño Seguro” de Cangas comeza a funcionar con éxito
Esta mañá púxose en marcha o programa “Camiño Seguro” promovido pola ANPA e a dirección do CEIP Nazaret en colaboración co Concello de Cangas.
Un total de 20 alumnos e alumnas do centro escolar participaron nesta iniciativa que ten como finalidade que os máis pequenos realicen o seu camiño diario á escola con independencia e a máxima seguridade posible, fomentando o a andaina fronte ao uso de coche.
Durante os últimos 15 días do curso escolar funcionarán dúas das rutas deste “Camiño Seguro” a modo de experiencia piloto que permita valorar os puntos fortes e subsanar os erros para que o vindeiro mes de setembro, co novo ano académico, o programa poida implantarse con éxito.
Unha das rutas parte da rotonda do Mexilón en dirección Avenida de Bueu-Montero Ríos-Avenida Vicenti- Praza da Constitución e Rúa Real ata o centro educativo e a segunda opción parte da Rúa Noria en dirección Méndez Núñez e Rúa Real ata chegar ao colexio.
Escolléronse estes camiños xa que pasan por zonas nas que se concentran as vivendas dunha maior parte do alumnado e nas que se sitúan establecementos comerciais e hostaleiros que os cativos poden tomar coma referencia.
Os nenos e nenas estiveron acompañados por pais e nais e por voluntarios do Concello durante todo o percorrido. Dende as concellerías de Educación e Seguridade queren agradecer a Policía Local de Cangas a súa colaboración neste primeiro día de actividade. Así mesmo declaran que “ foi un éxito e todo saíu como estaba previsto”.
A organización do proxecto espera que este sirva para animar a outros centros a sumarse a esta iniciativa, e lembran que o prazo para que máis alumnos e alumnas do CEIP Nazaret se sumen a esta iniciativa continúa aberto.











