O Camiño de Santiago, o termalismo, a enogastronomía e a industria do mar preséntanse en Alemaña como oferta turística galega

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGalicia exterior
A-
A+

O titular da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, presidiu hoxe en Hamburgo a presentación do plan Turismo de Galicia a bordo do buque escola Juan Sebastián de Elcano, destacando o Camiño de Santiago, o termalismo, a enogastronomía ou a industria do mar como principais activos cos que conta a nosa terra para atraer cada ano a milleiros de visitantes.

Para a comunidade galega ten unha enorme importancia presentar a súa oferta turística en Alemaña desde un dos navíos máis insignes da Armada española, que está a realizar un cruceiro de instrución que o levará como destino final, precisamente a un porto galego, á Escola Naval de Marín (Pontevedra).

O Camiño de Santiago, que foi declarado pola Unesco como Patrimonio da Humanidade en 1993 e como Primeiro Itinerario Cultural Europeo en 1987, é o eixe vertebrador do sector turístico galego e nel Galicia atopa unha fiestra aberta ao mundo.

Esta ruta milenaria trae ata a nosa terra peregrinos de máis de 150 nacionalidades e é precisamente Alemaña o país do que procede a maior parte deles. De feito, o ano pasado recolleron a Compostela máis de 16.200 alemáns, que supuxeron o 7,5 por cento do total de persoas que en 2013 percorreron o Camiño, e este ano chegaron a Galicia xa máis de 6.500 viaxeiros orixinarios deste país.

A poderosa riqueza natural da auga

Ademais do Camiño de Santiago, cómpre salientar que o magnetismo da comunidade radica tamén na súa poderosa riqueza natural, posto que conta con máis de 1.600 quilómetros de costa con numerosas praias en enclaves privilexiados que acaparan o maior número de bandeiras azuis de toda España. Distintivos que acreditan as bondades das augas e dos areais galegos e que son a proba de que o desenvolvemento da actividade turística se realiza en constante equilibrio e con extremo coidado daquelas zonas de especial valor paisaxístico.

Galicia é recoñecida pola calidade das súas augas mineromedicinais, con máis de 300 captacións catalogadas e unha oferta de balnearios que supera a vintena. Tamén conta cunha inmellorable materia prima do sector agroalimentario, que integra cinco denominacións de orixe vitivinícolas: Rías Baixas, Ribeiro, Ribeira Sacra, Monterrei e Valdeorras. Ademais de celebrar 300 festas de exaltación dos nosos produtos típicos, 48 delas, declaradas de interese turístico.

Neste contexto, a gastronomía galega é unha marca de calidade que se traslada aos nosos restaurantes, contando actualmente con 11 establecementos recoñecidos coa Estrela Michelín.

Con este acto, o Goberno galego quere tender unha ponte con Alemaña para que a confianza que trouxo ata a nosa comunidade aos máis de 97.000 viaxeiros que nos visitaron o pasado ano, se estenda neste país a moitas persoas máis.

23 de xuño de 2014 | 22:33 • Sen comentarios

Comentarios pechados.