O CAAN salva a vida de Covelo que apareceu cun gravísimo cadro de envelenamento

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedra
A-
A+
Covelo

Covelo

O Centro de Acollida de Animais Abandonados da Armenteira, dependente da Deputación de Pontevedra, logrou, unha vez máis, salvar a vida dun can vítima dun envelenamento.

Os responsables do CAAN foron alertados polos axentes de Medio Ambiente da Xunta de Galicia, que demandaron dos servizos do centro para tratar de recuperar a Covelo, atopado no concello do mesmo nome cun gravísimo cadro clínico por inxestión de veleno. O can apareceu xunto a outros dous animais polos que non se puido facer nada porque xa faleceran no momento de ser atopados.

Os efectos do tóxico consumido por Covelo fixo que o traballo dos veterinarios do CAAN tivese que ser moi intenso e prolongado no tempo, dado que se requiriu de practicamente tres meses para acadar a súa total recuperación.

O can foi rescatado o 3 de abril no lugar da Hermida, no Concello do Covelo. A rápida intervención dos axentes de Medio Ambiente da Xunta, que notificaron con urxencia a presenza do animal aínda vivo e pediron o apoio especializado do Centro de Acollida de Animais, permitiu a salvación deste mestizo de cor atigrada branca, de pouco máis dun ano.

Os veterinarios déronlle as primeiras atencións no mesmo lugar do presunto envelenamento e posteriormente continuaron co tratamento no propio centro de acollida, logrando finalmente, e pese a gravidade do cadro clínico do animal, salvarlle a vida.

Grave risco

Os responsables do CAAN alertan da gravidade da colocación de velenos, que, ademais de ser un delito tipificado no código penal, poden ter gravísimas consecuencias non só para os animais senón incluso para as persoas.

Malia que os cans, especialmente os abandonados, son as principais vítimas deste tipo de substancias que habitualmente son enmascaradas entre carne ou restos de comida que atraen os animais máis famentos, poden afectar a calquera especie animal e tamén os nenos e maiores poden ser vítimas, dado que moitos velenos se absorben simplemente polo contacto coa pel.

Concienciación

Mentres Covelo agarda por unha familia que o adopte e lle dea o cariño que precisa, para evitar que se repita o seu caso, desde o CAAN continúan coas súas campañas de concienciación contra o maltrato dos animais e a prol das adopcións.

Así, mañá serán os nenos e nenas que participan nos campamentos da Lanzada os que teñan ocasión de coñecer, da man dos veterinarios do centro da Armenteira, todo o que implica ter unha mascota.

Desde as 10:00 h da mañá e durante algo máis dunha hora os máis pequenos coñecerán as necesidades e sentimentos dos animais e aprenderán, de forma divertida e participativa, a importancia e beneficios de identificalos, así coma os coidados que precisan. Ademais, tomarán conciencia do problema do abandono animal e as posibilidades de adopción en centros coma o da Armenteira.

Un dos obxectivos centrais da campaña é educar os mais pequenos na necesidade de respectar os animais e o medio ambiente para que exerzan de mestres de boas prácticas no seu contorno e, sobre todo, para que sexan adultos responsables. Porque o problema dos animais abandonados hai que atallalo na base, promovendo actitudes de respecto e concienciando á poboación contra este tipo de maltrato.

26 de xuño de 2014 | 16:18 • Sen comentarios

Comentarios pechados.