O C.R. Vila de Cangas presenta o campionato de remoergómetro escolar
Hoxe presentouse o Campionato de Remoergómetro Escolar que organiza o Club de Remo Vila de Cangas e que conta coa colaboración do Concello de Cangas e a Fundación Cangas Deporte. No acto estivo presente o concelleiro de Deportes Francisco J. Soliño acompañado polo presidente da entidade deportiva organizadora Camilo Nores e o vocal Iván García.
Soliño sinalou que “o remo é un dos deportes con maior tradición na nosa vila”, “é moi importante o desenvolvemento deste tipo de iniciativas para dar coñecer e fomentar este deporte entre axente nova” engadiu, así como tivo verbas de recoñecemento á labor desenvolvida polo C.R. Vila de Cangas ao longo de todo o ano en favor do deporte base.
Pola súa banda Nores agradeceu a colaboración do Concello de Cangas e da Fundación así como dos colexios “que acolleron esta proposta con moito interese”. “O obxectivo do club dende a súa fundación é apostar pola xeración de deporte base” destacou, “sabemos que é un camiño lento pero seguro e por iso seguimos apostando por unha xestión baseada na canteira” recalcou.
García explicou que dende o club ofreceuse participar nesta iniciativa a todos os centros escolares do concello dos cales aceptaron 10 centros (CEIP San Roque, CEIP Nazaret, CEIP Castrillón, CEIP Espeiñeira, CPR Compañía de María, CPR Casa da Virxe, IES Monte Carrasco, IES María Soliño, IES Roderia) que foron visitados por persoal do club ao longo dos meses de maio e xuño a excepción do CEIP San Roque e o CEIP Nazaret que visitaron as instalacións do club no marco do programa Xogade da Xunta de Galicia. Nestas visitas os alumnos realizaron as probas de remoergómetro sendo un total de 945 escolares os que participaron nesta fase previa clasificándose os mellores a fase final que vai o constituír este campionato.
O Campionato de Remoergómetro Escolar terá lugar o vindeiro 21 de xuño a partir das 11.00 horas no pavillón do IES de Rodeira. A proba contará con 192 participantes que rexistraron mellores tempos na fase previa e que competirán nas categorías alevín, infantil e cadete tanto a nivel feminino como masculino. Como aínda non está confirmada a asistencia de todos os clasificados e aínda queda por celebrar a fase previa no IES de Rodeira o próximo 20 de xuño a organización ten establecida un lista de reservas para as diferentes categorías.
O Campionato constará de dúas partes, unha semifinal na que participarán 32 deportistas por categoría e unha fase final na que competirán os oito mellores de cada unha. Os tres mellores clasificados nas diferentes categorías recibirán como premio unha medalla e un exemplar do libro ‘Club de Remo Vila de Cangas 1986-2011’ e os gañadores unha camiseta técnica Concept2 na cerimonia de entrega de premios que está previsto que se celebre ás 14.00 horas.
“Temos moita ilusión nesta iniciativa, hai bastante nivel como reflexa os tempos rexistrados, ademais imos a contar coa presencia da actual campiona galega nesta disciplina Beatriz Piñeiro” sinalou Iván García, “esperamos este tipo de actividades incidan positivamente nas inscrición de cara a tempada de verán” concluíu.











