O BNG de Santiago acusa de fraude democrática o futuro goberno local

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSantiago de Compostela
A-
A+
Europa Press

O voceiro do BNG de Santiago, Rubén Cela, acusou de “patética” a imaxe do pleno extraordinario que tivo lugar este mércores na capital galega, con unicamente catro dos 13 membros do goberno local, e concluíu que foi así porque “patética e terrible é a situación do PP en Santiago”.

Así mesmo, e en rolda de prensa despois do pleno en que se certificou a renuncia de oito dos nove concelleiros que serán substituídos proximamente, incluíndo o relevo do alcalde que pasará a mans de Agustín Hernández; Rubén Cela volveu insistir en que, cos nomeamentos -de sete concelleiros non electos-, o goberno que sairá da recomposición feita por Hernández é unha “fraude democrática”.

O político nacionalista, que manifestou que “unha imaxe vale máis que mil palabras”, evidenciou as “bancadas baleiras” da sesión plenaria extraordinaria deste mércores, e considerou que Santiago “inicia un camiño terrible” coa “maioría dos seus membros non electos, sen pasar polo sufraxio democrático”.

Para Cela, é un “tristísimo final” de tres anos “terribles” nos que se consumará tamén o terceiro alcalde. “Non será unha nova etapa, senón un punto e seguido”.

O voceiro do Bloque no Concello advertiu da “responsabilidade colectiva” de todo o PP, na dirección galega da cal -recordou- Agustín Hernández é o vicesecretario. “Colectivamente e sistematicamente miraron para outro lado”, sinalou para criticar que “mirasen para outro lado” e “fixesen oídos xordos” ao que demandaba a cidadanía.

“PRIVARON” AOS CIDADÁNS DE VOTAR

De feito, acusou os populares de “privar” os veciños de decidir “o futuro” do Concello cunha votación nas urnas, porque delas, “fose da cor que fose”, sairía un “goberno forte e lexitimado”.

O voceiro do Bloque en Santiago considera un “esperpento e un insulto á democracia” a situación, a cal suporá, censurou, un novo cambio de competencias entre os concelleiros, coa consecuente “confusión” para os veciños.

18 de xuño de 2014 | 16:39 • Sen comentarios

Comentarios pechados.