O BNG critica que o novo goberno compostelán sexa de fontaneiros do PP liberados que non pasaron polas urnas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSantiago de Compostela
A-
A+
Europa Press

O voceiro nacional do BNG, Xavier Vence, criticou este luns que o novo Goberno de Santiago vaiano conformar, na súa maioría, “fontaneiros do PP liberados” que “non pasaron polas urnas” nas últimas eleccións locais.

Preguntado en rolda de prensa sobre o equipo presentado polo próximo alcalde da capital galega, Agustín Hernández, o líder nacionalista fixo fincapé en que “non” comporá “un goberno democrático”, senón un “a dedo” facendo “un uso excesivo dunha prerrogativa legal” concibida para “casos excepcionais”.

“Non é de recibo e non é a solución”, incidiu, e defendeu que o partido “responsable da inhabilitación da práctica maioría do grupo de goberno” e de que Compostela vaia ter “tres alcaldes diferentes en tres anos” non debería poder formar un goberno con persoas que “non foron elixidas pola cidadanía”.

Así, Vence reprobou que a “solución” do PP para a “súa escandalosa xestión” no Pazo de Raxoi e para a “corrupción xeneralizada” do seu grupo municipal pase por “nomear a dedo máis da metade” do novo goberno.

SITUACIÓN DE CURRÁS

Preguntado pola permanencia do aínda rexedor de Santiago, Ángel Currás, como edil, o xefe de filas do BNG interpretou que demostra que “a estratexia do PP non era quitar de diante as persoas imputadas en casos de corrupción” senón que tiña un compoñente “político-electoral”.

“É unha estratexia político-electoral de cara ás próximas eleccións municipais”, recalcou, crítico con que o PP “non busca dar unha solución satisfactoria ao caos de corrupción ao que someteu” ao Concello de Santiago.

16 de xuño de 2014 | 16:31 • Sen comentarios

Comentarios pechados.