O Biduído S.R. enfróntase á S.D. Compostela nun partido solidario a favor de Sarela

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesSantiago de Compostela
A-
A+

O Club de Fútbol Biduído S.R. xoga este sábado, 7 de xuño, un partido solidario coa Asociación de Dano Cerebral de Compostela Sarela contra a S.D. Compostela. Será no Campo Municipal do Milladoiro (Ames) a partir das 19:00 h.

Sarela foi a asociación escollida polo Biduído S.R. para destinarlle os fondos recadados nas actividades que o club celebra polo seu 31 aniversario. A primeira cita é este partido no que tamén se conta coa participación solidaria da S.D. Compostela.

O prezo da entrada é de 3 euros, o Biduído vai destinar integramente a Sarela. Unha persoa usuaria da asociación vai encargarse do saque de honra do xogo, ao final do que se vai facer, tamén, un sorteo.

Acompañando a iniciativa solidaria na que tamén está implicado o Compos, o Biduído S.R. editou, co obxectivo de seguir recadando fondos, unha taza e unha camiseta solidaria cun deseño exclusivo e o lema do movemento asociativo do dano cerebral: ‘Unha vida salvada merece ser vivida’. Ambos produtos pódense encargar a través da páxina web de Sarela (www.sarela.org) ou no propio partido deste sábado.

Sarela agradece esta iniciativa solidaria do Biduído S.R., e tamén a implicación da S.D. Compostela. O deporte é un dos piares duns hábitos de vida saudábeis, fundamentais para a prevención dos factores de risco do ictus, que é a principal causa do dano cerebral. Ademais, os valores do xogo limpo e a deportividade na competición axudan a previr os traumatismos cranioencefálicos motivados por golpes, que tamén son unha causa importante do dano cerebral adquirido.

6 de xuño de 2014 | 13:32 • Sen comentarios

Comentarios pechados.