O autobus de Sogama “Separemos ben, reciclaremos mellor” chega a Soutomaior

Autobus de Sogama en Soutomaior
Máis de cen persoas achegáronse esta mañá pola alameda Talo Río de Arcade para mellorar a maneira en que reciclan. De man dos monitores do programa “Separemos ben, reciclaremos mellor” de Sogama, os visitantes aprenderon a importancia, tanto ambiental como económica, de reciclar convenientemente así como a xerar menos residuos. Como premio ao seu interese os visitantes recibiron agasallos como balóns, camisetas, bolsas, yoyós,… coa mensaxe “Non rompas o esforzo de todos, Recicla”.
Para moitos se trataba de conceptos que xa coñecían, pero para a gran maioría esta actividade supuxo unha gran aprendizaxe. Os monitores explicaron novos termos como “impropio”, o residuo que se deposita no colector equivocado. Un concepto, descoñecido tanto para nenos como para adultos, que resulta ser un dos factores que se computan para establecer a tarifa que pagan os Concellos polo lixo. “Aos concellos que mellor separan o seu lixo sálguelles máis barato o recibo porque custa menos procesala”, asegura un dos monitores, que engade “e isto é algo que a gran maioría non sabe pero que acaba repercutindo nos seus propios petos”.
Do mesmo xeito, a todos os asistentes realizábaselles un test de coñecementos sobre a reciclaxe para resolver as que parecen ser as dúbidas máis comúns como, en que colector depositaría un cepillo de dentes, unha lata de atún, un xoguete de plástico roto, unha tapa metálica ou unha pila gastada?. “A maior parte acertan tres ou catro como moito”, conta un monitor. “Un acerto de entre o 60 e o 80 por cen, máis ou menos o mesmo que se rexistra logo”, conta o monitor, afirmando que a cifra de reciclaxe efectiva en Galicia atópase ao redor do 70%.
Outro concepto, pero esta vez coñecido por todos, era a práctica da compostaxe doméstica. Unha maneira tradicional de xestionar os residuos do fogar ademais de proporcionar abono para os terreos e plantacións. “Nisto si que hai xente que sabe moito, de feito algúns seguro que saben moitísimo máis que nós”, conta un dos monitores.
O alcalde de Soutomaior, Agustín Reguera, acudiu á alameda acompañado de varios membros do goberno local para coñecer de primeira man a actividade. “É moi interesante que os veciños saiban como separando mellor os residuos pódese contribuír de moitas maneiras ao beneficio de todos. Paréceme moi acertado o slogan” afirmou o edil.











