O alcalde de Vilagarcía cre que a mesa local de turismo non poderá dar resultados se o sector non se implica

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVilagarcía de Arousa
A-
A+

O futuro do sector turístico de Vilagarcía precisa dunha maior implicación dos colectivos que o compoñen. Así o cre o alcalde, Tomás Fole, que apunta que a Mesa Local de Turismo nunca poderá dar os resultados que se esperan, se empresas de turismo, hostalería, comercio e organizadores de eventos non toman a iniciativa á hora de promover e poñer en marcha actuacións e servizos conxuntos. O rexedor responde ás voces críticas co papel xogado polo Concello na Mesa Local de Turismo dicindo que “o Concello pode coordinar, apoiar e servir de catalizador das propostas que realicen distintos axentes; con esa idea constituíuse por iniciativa municipal a Mesa Local, e así debería funcionar”.

Das declaracións realizadas por algún destes axentes e publicadas nos medios de comunicación, o alcalde deduce que o que “pretenden é que sexa o Concello quen propoña, busque recursos, organice e execute, e que os colectivos do sector permanezan como meros espectadores esperando a que lles dean todo feito. “O que queremos é que os axentes interveñan e sexan activos, opinen, propoñan e promovan; e o Concello coordine e acelere a súa realización poñendo a disposición os medios e infraestrutura dispoñible, ademais de colaborar e apoialos de xeito institucional”.

A Mesa Local de Turismo constituíuse hai apenas un ano e, na súa opinión, “atópase nun momento no que os colectivos deben propoñer, discutir, criticar e incluso inventar novas ideas turísticas e deixarse de defender cada un o seu. E isto non se soluciona nunha reunión de dúas horas”, apuntou.

Fole Díaz considera que a Mesa Local de Turismo si tivo resultado positivo en canto a que cumpriu o primeiro dos seus obxectivos: crear un espazo común, un punto de encontro entre todos os axentes implicados no sector turístico, a efectos de promover o coñecemento mutuo, xa que o descoñecemento era o primeiro e principal obstáculo para o desenvolvemento do sector. Froito da constitución do órgano xurdiron propostas de colaboración entre axentes e iniciativas compartidas, como os paquetes turísticos de visitas a Cortegada e ao Pazo de Rubiáns; a plataforma Visitarousa que aglutina unha decena de empresas do sector, e mesmo ás excursións turísticas que o Concello organizou en Semana Santa coincidindo cos eventos deportivos da Vilagarcía Basket Cup e do Arousa Fútbol 7.

O alcalde salientou a importancia destes primeiros pasos, pero advertiu que hai que seguir camiñando para poder xerar a riqueza que o turismo pode dar a Vilagarcía se se saben aproveitar de xeito racional todos os recursos dispoñibles. “E para que isto sexa así, ten que haber unha vontade clara por parte do propio sector. Os distintos axentes teñen que traballar en conxunto, aproveitar sinerxias e non limitarse a mirar cada un para o seu, como quedou patente na última reunión que convocou o Concello para avaliar o resultado dos dous eventos deportivos de Semana Santa e propoñer accións para futuras edicións, reunión na que se comprobou as reticencias dos propios axentes a promover proxectos conxuntos”.

Aínda recoñecendo que a Mesa Local de Turismo podería mellorar en canto á periodicidade das súas reunións, o alcalde lembra que aínda que non foran sesións da Mesa, si houbo reunións de traballo sectoriais en diferentes ocasións, como as anteriormente mencionadas, así como xuntanzas como a promovida polo Concello hai uns meses para expoñer os trámites e beneficios para a obtención da “Q de calidade” por parte dos establecementos turísticos e á que foron convocados todos os axentes do sector.

Así a todo, Fole Díaz comentou que nas vindeiras semanas convocarase unha nova reunión da Mesa para abordar a temporada turística de verán polo que empraza aos axentes turísticos a elevar ao órgano novas iniciativas co fin de traballalas entre todos.

2 de xuño de 2014 | 18:46 • Sen comentarios

Comentarios pechados.