O alcalde de Pontevedra coñece a futura horta urbana da Finca do Conde

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedra
A-
A+

O alcalde acompañado das concelleiras Carmen Fouces e Anxos Riveiro visitaron esta mañá os traballos de acondicionamento da finca do Conde, onde se instalarán 40 hortas urbanas xestionadas pola Concellaría de Muller.

Estanse mellorando 1.200 metros cadrados para a creación das hortas pensadas para mulleres con cargas familiares, pero non se exclúe a ninguén por condicións económicas nin de xénero. De feito, dende a Concellaría de Muller anímase a toda a cidadanía a solicitar unha parcela tal e como se recollen nas bases da convocatoria, xa que de haber lista de espera tirarase dela no caso de ser necesario. A presentación das solicitudes estará aberta até o 14 de xuño.

Carmen Fouces lembrou esta mañá que se trata dun proxecto de carácter social, que prioriza un sector desfaborable como pode ser o das mulleres con cargas familiares.

O proxecto estase executando coa colaboración de Xoán XXIII que está a facer o acondicionamento da parcela escollida, mentres que para o mantemento dos espazos comúns está contratada a primeira empresa de inserción social do municipio “Feito”. A finca dispón unha zona de lecer así como mesas para estancia baixo unha carballeira.

Esta horta urbana cubrirá unha necesidade existente, pero de haber máis demandas sociais poderán ser canalizadas a través doutras concellarías que teñen previsto acondicionar outros terreos para hortas urbanas, incluso na mesma parcela da Finca do Conde, dado que se trata dunha finca de 20.000 metros cadrados.

5 de xuño de 2014 | 20:25 • Sen comentarios

Comentarios pechados.