O alcalde de Miami visitará A Coruña para estreitar lazos entre ambas as cidades
O alcalde de Miami, Tomás Regalado, visitará a próxima semana A Coruña para estreitar lazos coa cidade en virtude dun protocolo de colaboración que subscribirá co alcalde da Coruña, Carlos Negreira, no Palacio de María Pita. Os dous rexedores manterán, así mesmo, reunións de traballo co obxectivo de sentar as bases para cooperar en proxectos comúns en materia turística, económica e cultural.
Tomás Regalado chegará o venres, 27 de xuño, á cidade e permanecerá até o sábado. Durante a súa estancia de dous días, o alcalde de Miami aproveitará para ter encontros con representantes de distintos sectores sociais e económicos da cidade e participará nunha charla coloquio con empresarios e emprendedores organizada polo Concello na que se exporán as oportunidades de negocio que existen en Miami para aqueles que están interesados na internacionalización das súas empresas e produtos.
A visita do alcalde de Miami prodúcese tres meses despois da estancia do alcalde do Porto na cidade, encontro que supuxo un antes e un despois nas relacións entre ambas as cidades grazas á posta en marcha de proxectos comúns.











