O alcalde de Ferrol asina un convenio para o desenvolvemento dun proxecto de sensibilización e prevención sobre o alcoholismo
O alcalde de Ferrol, Jose Manuel Rey Varela, asinou esta mañá un convenio de colaboración co presidente da Asociación de Ex Alcohólicos de Ferrolterra, José Ruzo López, co obxectivo de contribuír á realización do proxecto Sensibilización, e prevención sobre o alcoholismo. O primeiro edil da cidade subliñou que o acordo de cooperación establece “accións coordinadas co fin de reducir, na medida do posible, a problemática ocasionada polo consumo de alcohol e outras drogas na cidade de Ferrol mediante a realización de diferentes accións preventivas”. No acto de sinatura tamén estivo presente a concelleira de Benestar Social, Rosa Martínez Beceiro.
Neste senso e ao abeiro deste convenio, levaranse a cabo diferentes actividades no marco do programa preventivo da Asociación de Ex Alcohólicos Ferrolterra, como son o tratamento de adiccións ao alcohol, tabaco e ludopatía ou a realización de terapias de grupo, de parella ou familiares. Así mesmo, a colaboración municipal servirá para financiar a edición do boletín informativo da entidade, a organización de conferencias de sensibilización nos centros educativos municipais ou a celebración da xornada “24 horas sen alcohol”. O rexedor municipal destacou o traballo que ven realizando nos últimos 41 anos a Asociación de Ex Alcohólicos de Ferrolterra, ao tempo que encomiou “o alto grado de eficacia da súa actuación”. Ao fío disto, Rey Varela lembrou que no ano 1992 a Xunta de Galicia recoñece a labor da entidade outorgándolle o recoñecemento de Unidade Existencial en Drogodependencia destinada ao alcoholismo a 22 concellos da Comarca. A Concellería de Benestar Social do Concello de Ferrol contribuirá a este proxecto de sensibilización e prevención sobre o alcoholismo coa cantidade de 8.000 euros.
A Asociación de Ex Alcohólicos de Ferrolterra foi constituída no ano 1973 como unha entidade social sen ánimo de lucro que presta servizos para o tratamento de adiccións a bebidas alcohólicas, entre outros trastornos aditivos. No que vai de ano, 147 persoas acudiron por primeira vez para iniciar un tratamento, explicou José Ruzo. Respecto ao perfil dos usuarios, o presidente da entidade indicou que os pacientes cada vez acoden a idades máis temperás, pero maioritariamente teñan unha idade media de 35 anos.
Asociación Arraigo
Por outra banda, a concelleira de Benestar Social, Rosa Martínez Beceiro quixo aclarar que a Administración ferrolá puxo a disposición da Asociación Arraigo un espazo nas instalacións municipais da Casa Solidaria. “Non se tardou nin dous días en habilitar este espazo para compartir con outras entidades sociais de Ferrol”, afirmou.
Martínez Beceiro explicou que de maneira voluntaria a entidade decidiu trasladar o seu local ao centro da cidade e que non solicitaron subvención económica. Ao respecto desta cuestión, a edil ferrolá tamén sinalou que nestas últimas semanas que comezaron a realizarse os convenios nominativos “dende Arraigo pediron unha entrevista que terá lugar esta semana”, en concreto o vindeiro mércores. A Administración ferrolá explicou con anterioridade á entidade “que para colaborar co Concello tiñan que presentar un proxecto cuns requisitos, que ten que ter uns obxectivos e uns destinatarios, e estamos á espera deste proxecto para ver se a colaboración pode ser posible”. Rosa Martínez destacou que o Goberno Municipal “suma e non resta, nunca se exclúe a ninguén”, ao tempo que sinalou que “as entidades locais sempre teñen o noso apoio e a mostra é que as entidades colaboradoras son case a totalidade”, dixo.











