O 7º Congreso Internacional de AJE confirma a presenza de Josef Ajram, Gay de Liébana e Andy Stalman
A Asociación de Xóvenes Empresarios (AJE-Vigo) presentou esta mañá a sétima edición do seu Congreso Internacional, para o que contou coa presenza do alcalde de Vigo, Abel Caballero. O encontro celebrarase os días 25 e 26 de setembro no Centro Social Novacaixagalicia e reunirá a un nutrido grupo de expertos en economía e empresa baixo a lema “Talento en rede”.
Xa confirmou a súa presenza no Congreso Josef Ajram, coñecido trader (operador de compra-venda de todo tipo de activos) de Bolsa, ademais de ser un habitual en probas de ironmans (finalizou sete). Ajram imparte cursos sobre Bolsa pero tamén é autor de varios libros como Ganar en la Bolsa es posible (Plataforma, 2011) ou o seu título máis recente: Bolsa para dummies (Planeta, 2013).
Tamén forman parte do programa deste ano o economista e profesor José María Gay de Liébana, coñecido nos medios como o “economista indignado”. Moi crítico coas políticas económicas do Goberno, é profesor de Economía Financeira e Contabilidade da Universidade de Barcelona e habitual colaborador de varios medios de comunicación tanto audiovisuais como escritos.
Andy Stalman, un dos mellores especialistas en branding de España e América Latina será outro dos asistentes. Desde 2006, é o máximo responsable de Cato Partners Europe, con proxectos en 15 países.
Catalina Hoffman é outra das relatoras confirmadas a día de hoxe. Presidenta do Grupo Vitalia, empresa dedicada ao coidado e atención de persoas maiores na que creou o chamado Método Hoffman que proporciona beneficios físicos, cognitivos, psicolóxicos e sociais en persoas de idade. En 2004 abriu o seu primeiro centro na madrileña rúa de Ferraz e, na actualidade, Vitalia ten máis de 20 centros abertos e atópase en pleno proceso de expansión internacional. Hoffman foi incluída entre as 100 Mulleres Líderes en España 2012 na categoría de empresarias. Plataforma Editorial publicou o seu primeiro libro Emprender Soñando.
Cambio anual de sede
Despois de sete anos en Vigo, o Congreso iniciará unha nova andaina a partir de 2015, cambiando de sede rotativamente por outras cidades galegas para que todas as asociacións de novos empresarios de Galicia formen parte activa desta iniciativa. Desde AJE-Vigo mostran con orgullo que o seu modelo sexa compartido polo resto das agrupacións empresariais galegas. O Congreso naceu co obxectivo de ser un foco de debate e intercambio de experiencias para os emprendedores e empresarios máis novos e converteuse nunha cita anual que reúne algunhas das voces máis influentes en materia de economía e empresa.
Este ano, como é habitual, ademais dos relatorios, organizaranse mesas redondas. A lema elixido para esta sétima convocatoria: “Talento en rede”, pretende pór en valor a importancia de establecer conexións entre as persoas e profesionais, de compartir e formar parte dunha rede, como unha asociación de novos empresarios.
Na rolda de prensa de hoxe, o alcalde estivo acompañado polo presidente de AJE-Vigo, Rubén Hermida, o presidente da Confederación de Empresarios de Pontevedra, Luís Novoa e o concelleiro de Participación Cidadá, Santos Héctor.











