Novos éxitos das EDC Verín Fútbol e Atletismo na fin de semana

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesVerín
A-
A+

Ao longo deste fin de semana tiveron lugar varias competicións deportivas, nas que participaron equipos das EDC Verín, en concreto atletismo, fútbol-sala cadete e fútbol infantil, obtendo importantes vitorias, que lles permitirán participar na final da Copa Galicia ou no ascenso á Liga Galega.

O equipo cadete do E.D.C.Verín de Fútbol-Sala, clasificouse para disputar a final da Copa de Galicia 2014, tras volver vencer no pavillón de Caranza ao equipo O Parrulo de Ferrol. Despois de conseguir un meritorio terceiro posto na Liga Galega, o equipo verinense conseguiu ser o vencedor do grupo 2 da fase de liguilla, tras gañar a formacións como o Azkar de Lugo ou ao equipo ferrolano por 6 a 2.

Tamén este fin de semana tivo lugar un novo partido do equipo infantil das EDC de Fútbol, que repetiu vitoria ante o Antela. Se na pasada xornada o resultado foi de 1 a 3 para a formación verinense, nesta o complexo deportivo da Granxa foi testemuña dunha folgada vitoria por 5 a 2. Tras estes excelentes resultados, o equipo verinense enfrontarase ao Lérez de Pontevedra na eliminatoria decisiva da fase de ascenso á Liga Galega Infantil.

No ámbito do atletismo, os integrantes do club verinense Xoel Gago e Antía Castro, medallistas no último Campionato Galego, participaron no Trofeo Internacional de Atletismo en pista “Festas de Ourense”. Nesta cita, na que estiveron presentes deportistas de Galicia, Portugal e outros puntos da xeografía española, Xoel Gago (categoría benxamín) vencía na proba de 1.000 metros lisos, por diante de varios atletas de superior idade e obtendo a mellor marca galega do ano: 03:32.92. Mentres que Antía Castro (categoría alevín) alcanzou a vitoria na súa categoría e conseguiu a 4ª posición xeral da súa proba dos 500 metros lisos, conseguindo mellorar a súa marca persoal e fixala en 01:36.26.

23 de xuño de 2014 | 11:06 • Sen comentarios

Comentarios pechados.