publicidade hoxe

Novo éxito da escola municipal de música de Carnota

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCarnota
A-
A+

Unha vez máis o salón estivo ateigado de xente para ver aos artistas municipais en pleno directo, onde non collía nin unha formiga.

Puntualidade inglesa, os presentadores arrancaron ás 19:00h co espectáculo. Empezou a actuación da Coro Infantil da ESMU de Carnota, grupo de nenos e nenas dende 7 anos, que levantou os primeiros aplausos.

Dende aí, os artistas fixeron pasar ao público por diferentes épocas e estilos, posto que houbo recitais de música clásica, pop, jazz, rock e folk.

O máis salientable deste festival foron as actuacións grupais, xa que apenas houbo solistas. Máis de 15 guitarristas, as pandereteiras que fixeron un excelente repertorio popular, un combo de jazz deixou ao público adulto coa boa aberta, os combos de rock e pop non fallaron, un combo folk, grupos de rapaces á percusión, o grupo de música tradicional, a Coral Polifónica da Escola de Música, a Orquestra Orff con 24 neno/as e como colofón unha animadísima interpretación de “Cien gaviotas” de Duncan Dhu, da man dos cinco mestres, mostrando unha vez máis a súa unión.

Ao remate os asistentes felicitaron aos mestres pola gran laboura feita e conseguida, coa promesa de estar na primeira quincena de setembro de volta para as matrículas.

Finaliza así un curso máis con óptimos resultados, e no que o elenco de profesores quixeron agradecer o comportamento de pais e nais e alumnos cunha carta de despedida:

Remata o curso 2013-2014 na Escola Municipal de Música

Foi un curso sen ningún tipo de novidade. Os mestres estamos moi contentos e moi orgullosos de que, a pesar de toda a crise que se está vivindo, a Escola de Música siga sendo un referente no Concello e na Comarca da Educación Musical e non baixe o seu ritmo nin o seu alumnado.

Con máis de cen alumnos/as de todas as idades, chega ao seu fin un ano académico sen sobresaltos, sen queixas, sen problemas.

Non podemos deixar pasar a ocasión de agradecervos a todos/as (pais e alumnos/as) o bo facer, o entendimento, o sempre bo estado de ánimo, o esforzo e o sorriso que sempre nos facedes chegar e nos transmitides. Moitas gracias.

Para rematar o curso temos o festival, coma sempre, que será o vindeiro mércores 18 ás 19:00 h no salón de actos do Concello.

Non poderán actuar todos os alumnos, como é lóxico, que somos 109, pero moitos deles, especialmente os solistas, xa o fixeron na festa de nadal.

E rematamos o curso o venres 20 de xuño para comezar as merecidas vacacións!

Inscricións para o seguinte curso 2014-2015 na primeira quincena de setembro no Concello, no departamento de Cultura e Deportes.

Un afectuoso saúdo, e felices vacacións.

20 de xuño de 2014 | 12:20 • Sen comentarios

Comentarios pechados.