Nova campaña do Consello Municipal da Muller de Marín
O Consello Municipal da Muller tivo hoxe unha reunión ordinaria onde se acordou levar a cabo unha nova campaña para asociacións co obxectivo de informar sobre os beneficios de contar con vogalías de muller nas asociacións veciñais, un dos requisitos previos para formar parte do Pleno do Consello Municipal da Muller.
Dende as dependencias municipais, faranse as convocatorias pertinentes en aras de promover a inclusión de Asociacións Veciñais que xa teñan constituída unha vogalía de muller, para darlle participación neste organismo.
Así mesmo, informouse ao Consello do Regulamento de Réxime interno da Rede de Voluntariado Municipal para Acompañamento das Mulleres Vítimas de Violencia de Xénero, que ven funcionando en Marín dende o ano pasado. O obxectivo é que as persoas que forman parte deste organismo difundan este servizo e a súa utilidade.
Finalmente, e atendendo ao Regulamento do Consello Municipal da Muller do Concello de Marín, as persoas que forman parte do mesmo, contribuirán á prevención e a eliminación da discriminación de sexo e a denunciar as condutas de discriminación que se produzan coas mulleres, neste caso calquera publicidade que faga un uso sexista da muller será tratada no pleno do Consello, cartafoles de grupos ou institucións privadas ou calquera outra cuestión relacionada coa eliminación de situacións de desigualdade.
Rematou o Consello coa data da próxima reunión que será o día 13 de outubro de 2014 ás 10.00 horas.











