Nigrán presenta os campus deportivos e o campamento de verán
O Concello de Nigrán presentou hoxe en rolda de prensa a terceira edición dos campus deportivos de verán, unha iniciativa posta en marcha en colaboración con clubs deportivos do municipio. Como novidade, á oferta deportiva de anteriores edicións, este ano incorpórase a aprendizaxe do inglés á práctica deportiva, ao ofertar catro campus bilingües de fútbol e multideporte, grazas á colaboración de The Wyatt House, da Ramallosa.
En total, nesta terceira edición dos campus deportivos de verán, iniciativa posta en marcha no verán de 2012 polo goberno municipal, o concello ofertará máis de 500 prazas para nenos e nenas de entre 4 e 18 anos de idade, repartidas en oito campus deportivos de surf, baloncesto, tenis, piragüismo, fútbol e multideporte.
Os campus celebraranse entre o 23 de xuño e o 30 de agosto de forma ininterrompida, polo que se amplía unha semana máis a oferta de campus respecto ao verán de 2013. “Entre os obxectivos dos campus deportivos destacan a conciliación da vida laboral e familiar, cubrindo o 100% dos meses de verán, así como promover a práctica do deporte como un estilo de vida, especialmente entre os máis pequenos”, sinalou o rexedor municipal, Alberto Valverde.
O rexedor municipal agradeceu unha vez máis a colaboración dos clubs deportivos e dos patrocinadores dos campus, “unha aposta en firme tanto por parte deste goberno como por parte das entidades deportivas do municipio polo deporte e a difusión entre os máis pequenos duns hábitos de vida saudable”, subliñou. Un apoio dos clubs municipais que permite ao goberno municipal completar a axenda deportiva estival tanto para locais como para visitantes, á vez que permite conciliar a vida laboral e familiar de moitas familias”, engadiu.
O programa
A oferta deportiva destes campus foi deseñada de forma conxunta pola concellaría de Turismo, Cultura e Deportes do Concello de Nigrán e os clubs deportivos locais, entre os que figuran Patos Surf, Prado Surf Escola, Airexa Baloncesto Nigrán, E.D. Val Miñor, Club de Tenis de Nigrán e Club Piragüismo Val Miñor, e ao que este ano hai que sumar a The Wyatt House, entidade responsable de coordinar a aprendizaxe do inglés nos campus de fútbol e multideporte.
Entre todos, desenvolveuse un programa técnico e lúdico, orientado a alcanzar unha uniformidade dentro da variada oferta deportiva á que poderán acceder tanto locais como visitantes este verán.
Así, o oito campus deportivos desenvolveranse entre a última semana de xuño e os meses de xullo e agosto, en horario de 10.00 a 13.00 ou 14.00 horas, dependendo do campus. Así mesmo, “os alumnos inscritos contarán coa presenza de monitores e deportistas de primeiro nivel nas distintas modalidades deportivas, que desde un enfoque ameno, divertido e didáctico transmitirán as súas experiencias e coñecementos aos alumnos”, sinalou a concelleira de Turismo, Cultura e Deporte, Liliana Silva.
Prezos e descontos
A organización dos campus estableceu un prezo moi competitivo para aqueles pais interesados en que os seus fillos participen en todos os campus deportivos de Nigrán, o que permitirá estar a practicar deporte durante sete semanas a un prezo moi alcanzable. Os prezos dos mesmos oscilan entre os 45 e os 75 euros, dependendo a modalidade deportiva e da vinculación do alumno co club organizador.
Neste sentido, contémplanse prezos especiais para aqueles nenos que participan en tres ou máis campus, máis concretamente, un desconto de 10 euros por campus, así como prezos especiais por familia numerosa en determinados campus.
Cursos de tenis
Como complemento á oferta de campus deportivos, o goberno municipal pon a disposición de veciños e visitantes os cursos de verán de tenis, cuxo prazo de inscrición abrirá o vindeiro luns 9 de xuño. Os cursos impartiranse tres días por semana –luns, mércores e venres ou martes, xoves e venres- en até catro horarios diferentes cunha duración de 45 minutos por clase -10.00, 10.45, 11.00 e12.15 h.- nas instalacións deportivas municipais Dunas de Gaifar.
As clases, dirixidas a nenos de entre 4 e 16 anos, comezarán o 1 de xullo e o 4 de agosto. Para máis información ou inscricións, os interesados deberán dirixirse á Oficina de Turismo Dunas de Gaifar, en Panxón, no 986 368 734 ou no correo electrónico oficinaturismo@nigran.org.
Campamento urbano
Doutra banda, o goberno municipal presentou hoxe o campamento urbano de verán, dirixido a axudar ás familias de Nigrán a conciliar a vida familiar e laboral, unha actividade organizada polo CIM e cofinanciada pola Secretaría Xeral da Igualdade e o Fondo Social Europeo.
O campamento está destinado a nenos e nenas nacidos entre os anos 2003 e 2009, e desenvolverase do 25 de xuño ao 31 de xullo, de luns a venres, nas instalacións do CIP de Panxón. En total, o goberno municipal oferta até 80 prazas para o campamento, “no que os pequenos realizarán actividades de diversa índole, entre as que destacan iniciativas dirixidas a promover a igualdade de xénero, a educación en valores e outras actividades meramente lúdicas, como excursións á praia ou xogos de globos de auga”, explicou a concelleira de Patrimonio, Mocidade e Igualdade, María José Piñeiro.
Os formularios de inscrición poderán recollerse no Centro de Información ás Mulleres, na Oficina Municipal de Turismo, no rexistro municipal ou descargarse a través da páxina web www.nigran.org. Máis información no Centro de Información ás Mulleres, na antiga estación do tranvía de Panxón, Estrada pola Vía, número 65, Panxón, ou no teléfono 986 383 081.











