Nigrán celebra co Surfing Day 2014 o Día Internacional do Surf

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCalendarioNigrán
A-
A+

O Concello de Nigrán, en colaboración con Patos Surf Club, organiza o Surfing Day 2014, que se celebrará con motivo do Día Internacional do Surf na praia de Patos o vindeiro domingo 29 de xuño entre as 9.30 e as 20.00 horas. Con esta xornada, o concello ten como obxectivo promover o surf e a súa cultura, coincidindo a apertura da tempada estival.

Durante este día, o concello presentará ao público a cultura e o deporte do surf a través de cursos, talleres e diferentes actividades completamente gratuítas, así como dar a coñecer e compartir valores de convivencia e respecto ao medio ambiente.

Aínda que esta iniciativa ten dez anos de antigüidade, esta é a primeira edición organizada polo concello, “que ten como fin a promoción do surf a nivel mundial, na que participan de forma conxunta 31 países, con máis de 3.000 actividades e uns 30.000 participantes en total”, sinala a concelleira de Turismo, Cultura e Deporte, Liliana Silva.

Entre as actividades do Surfing Day 2014 destacan cursos gratuítos de surf, seminarios de fabricación artesanal de táboas, uso gratuíto do material, inchables para nenos, talleres de pintura, concursos de baile, yincanas, concertos, exhibicións de surf e flyboard, e moitas sorpresas máis.

As persoas interesadas en participar nos cursos gratuítos deberán inscribirse previamente antes do 25 de xuño na Oficina Municipal de Turismo Dunas de Gaifar, no teléfono 986 36 87 34, habendo dispoñible un máximo de 50 prazas. A listaxe de inscritos e a lista de reservas publicaranse o día 26 de xuño nas páxinas www.nigran.org e www.patossurf.com.

21 de xuño de 2014 | 11:58 • Sen comentarios

Comentarios pechados.