Negreira asina un convenio con Miami para impulsar proxectos de colaboración en sectores estratéxicos como o turismo e as novas tecnoloxías

Entrega de agasallos institucionais entre Carlos Negreira e Tomás Regalado
O alcalde da Coruña, Carlos Negreira, asinou esta mañá un convenio de colaboración co rexedor de Miami, Tomás Regalado, dentro do compromiso do actual equipo de goberno de situar a cidade a nivel mundial e de desenvolver proxectos comúns en sectores estratéxicos como o turismo e as novas tecnoloxías.
“Este convenio responde á necesidade de impulsar A Coruña como marca global. Non queremos localismos pechados, senón unha cidade aberta, que se sitúe no mundo e onde a colaboración sexa fundamental para o seu desenvolvemento”, destacou Carlos Negreira, quen puxo como exemplos os acordos asinados recentemente con outras dúas cidades europeas: O Porto e Bordeus.
O alcalde coruñés destacou que este convenio é un “fito histórico” para estreitar lazos e ofrecer “mellores oportunidades e máis calidade de vida e benestar” aos cidadáns tanto da Coruña como de Miami. Neste sentido, Carlos Negreira asegurou que se trata do “comezo dunha mellor amizade entre as dúas cidades” co obxectivo de potenciar aqueles sectores onde existe unha relación directa entre A Coruña e Miami, por exemplo o turismo (Miami recibe máis de 12 millóns de visitas ao ano e é a capital mundial dos cruceiros con sete terminais de pasaxeiros), a educación, a cultura e, de maneira especial, as novas tecnoloxías. “Nós estámonos situando como unha cidade pioneira a través de Coruña Smart City e Miami converteuse na década dos anos 90 no berce dos mozos emprendedores tecnolóxicos”, engadiu o alcalde coruñés.
Dentro desta liña de colaboración entre ambas as cidades, Carlos Negreira e Tomás Regalado tamén asistiron, tras a firma do convenio, a unha conferencia organizada no Concello co sector empresarial da Coruña. “A través dunha colaboración estreita queremos aumentar a nosa presenza en Miami”, afirmou Negreira.
Pola súa banda, o alcalde de Miami tamén destacou a importancia deste tipo de convenios de colaboración: “O que é bo para A Coruña é bo para Miami, e o que é bo para Miami é bo para A Coruña. Só podemos mellorar as dúas cidades se hai este tipo de accións. É importante facer un esforzo maior e tratar de lograr que este convenio sirva para levar a cultura española e galega á nosa cidade”, sinalou Tomás Regalado.











