Negreira anuncia a licitación das obras de reparación de 14.000 metros cadrados das cubertas do estadio de Riazor

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaDeportes
A-
A+

O alcalde da Coruña, Carlos Negreira avanzou que a próxima Xunta de Goberno do 26 de xuño aprobará a licitación do proxecto de renovación das cubertas do estadio de Riazor. Así o anunciou tras a reunión de traballo mantida pola Comisión de seguimento do convenio entre o Concello e o Real Club Deportivo da Coruña, celebrada esta mañá no Palacio Municipal de María Pita.

Tal e como informou o alcalde, trátase do segundo encontro da comisión tras o mantido no mes de febreiro. Nesta ocasión, acordouse levar á Xunta de Goberno do próximo 26 de xuño a aprobación da licitación do proxecto, que contará cun orzamento de 2,9 millóns de euros, para a reparación e renovación das cubertas do estadio, unha acción coordinada entre o Concello e o club: “Esta iniciativa permitiranos reparar elementos da cuberta que levaban sen tocar entre 16 e 22 anos”, detallou Negreira e engadiu: “En función da climatoloxía e da propia actividade deportiva, o tempo máximo de execución será de 2 anos”.

Tras estes anos sen reparar, as cubertas presentaban unha importante deterioración con corrosión dalgúns dos seus elementos. O obxectivo é renovar e reparar as cubertas baixo as premisas de seguridade, durabilidad e resistencia, conservando a súa funcionalidade. As actuacións previstas comprenden:

– Apeo de estrutura.
– Inspección de estrutura.
– Desmonte das placas da cuberta.
– Substitución de elementos danados.
– Nova protección superficial de mallas, mastros e correas.
– Colocación de novas placas en cuberta de policarbonato celular grecado (no canto de PVC pola súa ser un material máis moderno e de maior durabilidad e resistencia). En total, uns 14.000 metros cadrados.
– Reparacións de canlóns. Contrapesos, soportes de antenas e novo sistema antidesplazamiento en Tribuna.

O presidente do RC Deportivo, Tino Fernández, pola súa banda, lembrou que o club xa adxudicou tamén as obras de mellora e de mantemento do estadio, que complementarán as das cubertas.

Por outra banda, o alcalde avanzou que o Teresa Herrera celebrarase os días 9 e 10 de agosto e que apostará polo formato cuadrangular coa participación, ademais do RC Deportivo, do Montevideo, o Sporting de Xixón e o Sporting de Lisboa. Celebrarase tamén o Teresa Herrera xuvenil e a segunda edición do Teresa Herrera feminino, que se disputará, por primeira vez, no estadio de Riazor.

22 de xuño de 2014 | 12:59 • Sen comentarios

Comentarios pechados.