Neda organiza unha visita guiada polo casco histórico da localidade
Veciños e visitantes poderán coñecer o próximo mércores, 11 de xuño, os principais recursos turísticos do casco histórico da real vila de Neda. Será a través dunha visita guiada polos dous estudantes do ciclo de Turismo actualmente en prácticas no Concello. Unha ruta para descubrir a arquitectura e rico patrimonio monumental da localidade. O itinerario, dunha hora de duración, cubrirá a distancia que separa as igrexas de Santa María e de San Nicolás. Está pensado para todas as idades e a participación no mesmo é completamente gratuíta.
Segundo explicou a concelleira de Turismo, Montse Rico, a visita guiada arrancará da Igrexa de Santa María ás cinco da tarde e, tras un minucioso percorrido polo interior do templo, partirá cara o centro. Alí, e entre as paradas obrigadas, estará a rúa Paraíso, a rúa Real, os soportais, o cruceiro, a Torre do Reloxo… Unha visita que, sen dúbida, merece a pena realizar. Non se precisa de inscripción previa, xa que tan só é preciso presentarse no lugar e hora indicados.
Dous días antes, o luns 9 de xuño, os mesmos estudantes de Turismo realizarán o mesmo percorrido pero, nesta ocasión, xunto aos maiores que, ao longo do ano, participaron no taller de Memoria organizado polo Concello. Unha visita guiada ao centro que iniciarán ás 10 horas e coa que poñerán punto e final ás sesións deste curso.











