Nava Castro presenta o turismo galego aos touroperadores alemáns e á prensa especializada

Nava Castro durante a presentación
A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro realizou unha presentación na cidade xermana de Hamburgo dirixida a operadores turísticos e prensa especializada sobre a oferta turística de Galicia. A presentación realizouse a bordo do buque escola da Armada Española Juan Sebastián Elcano, que está a realizar un cruceiro de instrución que recalará no porto galego de Marín.
Nava Castro abordou na súa intervención as singularidades da oferta turística galega incidindo no feito de que Galicia é a meta do Camiño de Santiago, na enogastronomía, na oferta vinculada ao turismo de saúde e máis nos recursos paisaxísticos e naturais da comunidade.
Ademais, a presentación do destino Galicia contou tamén coa participación do alcalde do Grove, Miguel Ángel Pérez García, que avanzou a celebración da LI Edición da Festa do Marisco, que conta coa declaración de Festa de Interese Turístico Nacional. Deste xeito, promoveuse a singular gastronomía galega a través da exaltación dun dos produtos máis singulares así como dun dos recursos turísticos máis relevantes da oferta turística galega.
Relevancia do mercado alemán en Galicia
O mercado alemán acada unha gran importancia para a promoción turística da comunidade dado que o ano pasado un total de 97.042 viaxeiros alemáns aloxáronse nos establecementos hoteleiros de Galicia, o que supón un 4,7% máis que os recibidos o ano anterior. As pernoitas rexistradas por este mercado en 2013 tamén superaron nun 4,4% as do ano anterior, alcanzando asa 148.993.
Alemaña é, despois de Portugal, o segundo mercado internacional máis importante para a comunidade galega e supón o 12% do total de viaxeiros estranxeiros e o 10,5% das pernoitas internacionais rexistrados nos establecementos hoteleiros da comunidade.
No primeiro cuadrimestre deste ano visitaron Galicia 12.414 viaxeiros alemáns que realizaron 18.072 pernoitas nos establecementos hoteleiros da comunidade. Máis de 16 mil peregrinos alemáns recolleron a Compostela o ano pasado, sendo a segunda nacionalidade estranxeira entre as máis de 150 que se rexistraron na Oficina de Acollida ao peregrino en 2013.











