Narón, Neda e a asociación Los Delfines organizan unha xornada de limpeza do entorno do río Xuvia

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaNarónNeda
A-
A+

Nenos e maiores están convocados este sábado, 14 de xuño, á xornada de limpeza e recollida de refugallos que promoven no entorno do río Xuvia os concellos de Neda e Narón e a asociación de buceo medio ambiental e sanitaria Los Delfines. Os concelleiros de Medio Ambiente de Neda, José Manuel Gradaílle, e Narón, Manuel Ramos, así como Javier Campelle, en representación da entidade, presentaban esta mañá a iniciativa no salón de plenos da real vila.

A actividade levaráse a cabo en ambas marxes do treito que une a desembocadura e o parque infantil do Principiño. Nesta zona, a asociación constatou a presenza de lixo, especialmente plásticos, cristal e, en menor medida, metais e outros obxectos como caixas ou mesmo útiles de cociña. Agora, coa iniciativa prevista, Administracións e entidade buscan eliminar os residuos que se foron acumulando e recuperar o aspecto deste espazo natural. Para iso, tamén pretenden acadar a colaboración da veciñanza interesada neste obxectivo. Para iso, ademais de facer un chamamento á participación, Gradaílle explicou que en xornadas pasadas se levaran a cabo visitas aos centros educativos para explicarlles a acción e involucrar aos estudantes.

Tan só deben presentarse no lugar indicado este sábado, ás 9,30 horas. A iniciativa está aberta a persoas de todas as idades, xa que no caso dos menores –sempre acompañados dun adulto– adicaránse a clasificar o material recollido. É conveniente levar indumentaria e calzado adecuado e a organización cederá guantes, buzos plásticos e bolsas. Ao respecto, Gradaílle apuntou que se aprovisionaron de medios para unhas 150 persoas e que a idea sería facer grupos dunhas 5 ou 6 persoas. En todo caso, haberá que esperar ao sábado para coñecer a resposta.

Tanto o edil de Neda como o seu homólogo de Narón coincidiron en destacar a importancia deste tipo de iniciativas que, máis aló da limpeza puntual, buscan unha concienciación medio ambiental da cidadanía. E, nesta tarefa, puxeron en valor a colaboración e traballo de Los Delfines.

Unha asociación asentada no municipio de Neda e que, nas últimas semanas, xa realizou accións medio ambientais como charlas nos colexios. Actividades que continuarán o próximo curso.

12 de xuño de 2014 | 18:58 • Sen comentarios

Comentarios pechados.