Narón e Neda inauguran Xuviño co mellor viño e gastronomía

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCalendarioNarónNeda
A-
A+

cartaz-xuvinoOs alcaldes de Narón, José Manuel Blanco, e de Neda, Ignacio Cabezón Lorenzo, inaugurarán mañá venres, ás 19 horas, a quinta edición de Xuviño, o Encontro dos Viños que promoven ambos concellos no paseo marítimo de Xuvia, punto limítrofe entre os dous municipios, unidos por unha ponte peatonal. Alí se asentarán as deceas de haimas que acollerán aos bodegueiros, chegados de diferentes puntos de Galicia, pero tamén do resto de España, cos seus mellores caldos. E alí permanecerán ata o luns, 23 de xuño, durante todo o día, con hora de comezo ás 12 horas. Será unha fin de semana diferente e única co mellor viño, gastronomía e turismo do Norte de Galicia. A concelleira de Promoción Turística de Neda, Montse Rico, confía en reeditar ou incluso superar os 20.000 asistentes que se achegaron durante a pasada edición. Todos eles poderán catar os mellores viños, incluídos reservas de todas as variedades, e saborear aperitivos con denominación de orixe. Este ano, segundo explicou a concelleira, hai importantes novidades. Entre elas, amplíase nunha xornada o encontro.

En concreto o luns, víspera de San Xoán. A programación tamén suma un espazo no que a gastronomía terá un papel destacado da man do chef nedense Aitor Martínez Casal e a súa firma Alterego. Cociñeiro con gran prestixio e sona en toda Galicia. Así, o sábado 21 (ás 20 horas) e o domingo 22 (ás 12,30 horas) ofrecerá sendos talleres con ponencias, menús demostrativos e menús degustación con maridaxes. Con propostas culinarias innovadoras como té de ameixas, hamburguesas de porco celta ou roast beef con parmesano galego. Sen dúbida, actividades que chamarán a atención dos asistentes e para as que será preciso de inscripción previa. Para isto, os interesados poderán chamar ao teléfono 608 57 02 31 ou mandar un correo electrónico ao enderezo montse.rico@neda.es. Outra das innovacións será a posta en marcha do tren turístico, que ofrecerá viaxes entre ambos municipios o domingo 22 de xuño, con punto de partida na parada de taxis de Xuvia. Así mesmo, Montse Rico apuntou que a música seguirá tendo un papel protagonista, con actuacións de grupos locais como On the Band, así como que Xuviño tamén reservará un espazo importante para a diversión dos máis pequenos. Neste senso, a organización habilitará unha zona de xogos guiada por monitores para os nenos e nenas de tres anos en adiante. Será o sábado e o domingo pola tarde, durante unhas dúas horas. Nel, poderán acceder a todo tipo de xogos baixo a supervisión de persoal cualificado.

19 de xuño de 2014 | 11:12 • Sen comentarios

Comentarios pechados.