Música de cámara, exposición filatélica e ópera nas propostas culturais de Ourense para esta semana

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOurense
A-
A+

Comezamos o mes de xuño con importantes actividades que están programadas para os vindeiros días desde a Concellería de Cultura do Concello de Ourense.

O xoves día 5 temos unha nova cita coa música de cámara co Ciclo Enclave de Cámara da man do conxunto de música contemporánea Remix ensemble Casa da Música de Porto. Grupo portugués dedicado á música contemporánea que desde a súa fundación no ano 2.000 xa estreou máis de 85 obras, e conta con 10 discos editados. Será no Teatro Principal ás 20.30 h e as entradas oscilan entre 5 e 8 euros.

Xa o venres 6, comeza no Auditorio Municipal a XVII exposición Filatélica IBEREX 2014. Será as 12 h e marcará o inicio dunhas xornadas que se prolongarán ata o luns 16 de xuño, e onde teremos a oportunidade de coñecer os novos selos do Concello de Ourense, do Claustro de San Francisco ou da Capital Cultural do Eixo Atlántico, entre outros.

A mellor ópera poderase gozar o sábado 7 a partir das 21 h no Auditorio Municipal. Cavalleria rusticana, de Pietro Mascagni. Un thriller ambientado nunha pequena aldea de Italia pero que facilmente o podemos trasladar a calquera outro da España profunda. Unha explosiva versión na cal quedan en evidencia sentimentos tan humanos como o amor, o odio, a vinganza e o sufrimento, sostidos de maneira maxistral pola marabillosa música de Mascagni. Cun elenco de primeiras figuras da Lírica nos roles principais realzan aínda máis nesta obra representativa do Verismo, – naturalismo – italiano do século dezanove e principios do vinte.

3 de xuño de 2014 | 17:53 • Sen comentarios

Comentarios pechados.