Música, danza e poesía no espectáculo do ciclo ‘Do Audible’ en Ourense
O ciclo Do Audible da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria abre esta tarde a programación da súa segunda edición cun espectáculo que terá como protagonistas a música, a danza e a poesía. A primeira sesión, que terá lugar ás 20 horas na sala multiúsos do campus universitario de Ourense, preséntase baixo o título de ‘Tactus’ e xirará arredor da respiración, o tacto, o aloumiño, a violencia física e o rozamento dos corpos.
A compoñente musical do concerto correrá a cargo do grupo Vertixe Sonora Ensemble, a partir de pezas do compositor estadounidense John Cage, do compositor colombiano Daniel Zea e do compositor mexicano Hugo Morales, do que se estreará en primicia a súa obra ‘Kinecticut’. Xunto coa interpretación musical de Vertixe Sonora –da man de Pablo Coello, saxofón; Celia Adrián, acordeón; Diego Ventoso, percusión; e Ramón Souto, guitarra eléctrica–, esta primeira sesión tamén contará coa participación poética de Ana Romaní, coa compañía de danza contemporánea Traspediante e con artistas en formación, da aula de acordeón do Conservatorio Profesional de Música de Ourense.
Cada concerto do ciclo organízase arredor dun foco temático, que nesta segunda edición se centran no tacto, no mar, no universo e no diábolico. A música contemporánea interactúa en cada sesión coa palabra cómplice de relevantes personalidades do mundo da cultura, que achegan informacións e perspectivas de interpretación do feito musical que resulten enriquecedoras para o oínte. Deste xeito, o obxectivo do ciclo, promovido pola Secretaría Xeral de Cultura, coa colaboración de Vertixe Sonora, é procurar a normalización da escoita de música contemporánea entre o público galego.
Vindeiros concertos
A próxima sesión do ciclo Do Audible, ‘O canto das baleas’, será o 26 de xuño, ás 20 horas, no Museo do Mar de Galicia, en Vigo. Xa no mes de outubro, a Casa das Ciencias da Coruña acollerá ‘A música das esferas’, o 11 de outubro ás 20 horas, mentres que a última sesión, ‘A música e o diabólico’, terá lugar o 14 de novembro, ás 20 horas, no Museo de Pontevedra. Todos os concertos son de balde ata completar a capacidade.
Con esta programación, que se pode consultar na páxina web cultura.xunta.es, a Consellería de Cultura e Educación ofrece un novo espazo de achegamento á música e ás expresións contemporáneas cunha programación desenvolvida en distintas cidades de Galicia que permite construír novas experiencias destinadas ao público xeral.











