Música canaria e boleros no concerto de Los Sabandeños no teatro Colón
Mañá, sábado 21 ás 21.00 horas o grupo canario Los Sabandeños dará un concerto no que percorrerán unha boa parte do seu repertorio. Os temas nútrense tanto do cancioneiro popular canario coma do latinoamericano ou de xéneros coma o bolero.
Los Sabandeños son todo un referente na música popular con cincuenta anos de historia e máis de setenta traballos discográficos. Un valioso arquivo sonoro que recolle parte do legado tradicional, ademais de cancións de creación propia e versións adaptadas.
Os produtores de Elling, Al otro lado de la cama e Close poñen en escena Taitantos
Chega ao Teatro Colón un dos éxitos teatrais da tempada madrileña, a comedia Taitantos de Olga Iglesias e dirixida por Coté Soler poderá verse os vindeiros 27 e 28 de xuño no Colón. Trátase dunha sutil e delicada comedia con Nuria González como protagonista que foi recoñecida co Premio de Pura Cepa á mellor produción teatral da tempada 2014.
Nuria González transfórmase en Susana, unha muller ‘que ha encontrado su lugar en el mundo y que se despeña desde la atalaya de su éxito social y profesional’. Taitantos narra a historia dunha blogueira de moda, unha triunfadora á que se lle rompe a burbulla cando atopa un comentario con mala intención no seu blog. Coté Soler diríxea nun imparable monólogo escrito por Olga Iglesias e aderezado con videoblogs cos que se vai enfiando a acción.
A nova comedia dos produtores de Closer, Elling e Días de vino y rosas ten un ritmo imparable: cando a triunfadora blogueira descubre nas redes os improperios dun seguidor a súa vida comeza a romperse. Acaba a relación co seu mozo infiel, peléxase coa súa filla adolescente que quere uns implantes de peito, busca sen resultado ao home perfecto, vaise de festa e rastrexa por Internet; todo por tratar de gañar unha batalla perdida dende o inicio: o paso do tempo.
As entradas pódense adquirir a través da páxina web do teatro www.teatrocolon.es, en www.servinova.com. No quiosco da Praza de Ourense, en horario de luns a venres de 9.30 a 13.00 e de 16.30 a 19.30 e tamén na sede do Centro Sociocultural Novacaixagalicia, no Cantón Grande 21/23, de luns a sábado, 9.00 a 21.00 horas. Ademais, no despacho de billetes do propio teatro o mesmo día do espectáculo de 12.00 a 14.00 e de 17.00 a peche. Os espectadores poden adquirir tamén nos despachos de billetes do Teatro Colón, do Centro Sociocultural Novacaixagalicia e na web de Servinova a Tarxeta Teatro Colón, un programa de abonados con innumerables vantaxes como descontos nunha trintena de locais comerciais da Zona Obelisco ou no hotel NH Atlántico.











