Mos suma xa un trimestre de creación de emprego

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMos
A-
A+

Dende a concellería mosense de Formación e Emprego que dirixe o edil e tenente alcalde do Concello de Mos, Óscar Soto, fíxose pública hoxe a positiva noticia do descenso do paro na localidade mosense.

As cifras do paro levan mellorando en Mos dende o pasado mes de marzo, mes no que 13 desempregados do municipio atoparon traballo. Os dous meses seguintes continuou a creación de emprego na localidade mosense, con 46 novas contratacións en abril e outras 46 en maio. En total son 105 menos os desempregados veciños do Concello de Mos dende que en marzo se iniciase o continuo e progresivo descenso do índice do paro.

O responsable do departamento municipal de Formación e Emprego valora positivamente estes datos e considera que “estamos voltando á senda da creación de emprego, tendo en conta que os signos de recuperación da economía empezan a ser evidentes, como indican os diferentes índices económicos, e as previsións futuras fan que confiemos en que por fin, e dunha vez portodas, deixarase de destruír emprego” explicou.

Tal e como se viu argumentando en anteriores ocasións, son varios os elementos da idiosincrasia do municipio de Mos os que fan posible esta baixada do número de veciños e veciñas en situación de desemprego, tales coma contar dentro das fronteiras do termo municipal co Parque Empresarial Mos-Veigadaña (que se atopa nun momento de despunte e contribúe a que a de Mos sexa a cuarta localidade en volume industrial de toda a provincia de Pontevedra), a Axencia Local de Colocación, (que vai ser unha ferramenta fundamental dentro das políticas municipais activas de emprego, entre outras); e os departamentos de orientación laboral e de asesoramento a emprendedores do Concello de Mos, (que atende a unha media de 8 desempregados en primeira visita diarios o primeiro departamento citado, -que veñen sendo un mímimo de 240 desempregados ó mes- e no caso do servizo de asesoramento a emprendedores rexístrase un importante incremento de usuarios demandantes, o que demostra que esta fórmula de automemprego está pasando de ser un discurso a unha realidade e son moitos os desempregados que optan por esa fórmula como alternativa). Concretamente, o departamento municipal de asesoramento a emprendedores está atendendo actualmente unha media de 4 proxectos á semana, proxectos dos cais se estudia a súa viabilidade e, unha vez certificada a mesma, dáselle ó emprendedor en cuestión unha pauta cos pasos a seguir para poñer en marcha o seu negocio, indicándoselle ás administracións ás que ten que dirixirse, os trámites burocráticos a realizar, etc.

Accións conxuntas con outras administracións

Ademais Mos conta coa colaboración doutras administracións en materia de creación de emprego e, por conseguinte, de loita contra o paro, realizando anualmente cursos AFD (Accións Formativas para Desempregados) da Xunta de Galicia, obradoiros de emprego promovidos tamén pola consellería de Traballo e Benestar da Xunta; así como os Plans de Cooperación e Contratación Risga, e, no caso da Deputación de Pontevedra, os Plans de Conservación e Funcionamento de Bens e Servizos Municipais, e de Emprego. Con cargo a este último comezaron a traballar fai un mes no Concello de Mos un total de 15 traballadores. Tamén se está a traballar nun plan de inserción para menores de 30 anos sen formación.

En canto ó obradoiro de emprego para o presente ano que a consellería de Traballo e Benestar lle concedeu ó Concello de Mos e que a propia conselleira Beatriz Mato viu onte a anunciar e presentar persoalmente, este constará de dúas especialidades (carpinteiría e cachotería) entre as que se repartirán os 19 alumnos-traballadores participantes. O orzamento destinado a este novo obradoiro de empego co que se continuará a rehabilitación da antiga Casa Reitoral de Petelos ascende a un importe total de 170.00 euros. Actualmente a parte xa rehabilitada do edificio funciona como Centro de Día para Maiores xestionada por AFAGA (Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer e outras Demencias de Galicia).

Respecto do Plan Conservación e Funcionamento de Bens e Servizos Municipais 2014, Soto informou esta mañá de que a solicitude xa foi enviada á Deputación de Pontevedra e gracias a este prevese a contratación de 17 traballadores. Ademais o Concello de Mos, con cargo ó Plan de Emprego 2014, tamén da Deputación de Pontevedra, ten contratados dende fai algo máis dun mes a 15 traballadores, tal e como se mencionou antes.

Óscar Soto, responsable do departamento municipal de Formación e Emprego, esplicou tamén que dende esta concellería estase a tramitar ademais o Plan de Cooperación 2014 da Xunta de Galicia e a Subvención de Contratación RISGA, pola cal o Concello de Mos realizará varias insercións laborais.

Por último, e a maiores, e como xa se dixo, tamén se conta cunha subvención para desenvolver un plan dirixido a menores de 30 anos sen formación.

Sobre todos estes datos que vislumbran unha realidade que invita ó optimismo, Soto declarou esta mañá que “o desemprego segue a ser un dos catro pilares fundamentais da liña de traballo do goberno local, no que se leva mellorado sensiblemente, tal e como se prometera ó comezo da presente lexislatura, mellora acadada a pesar do esceario hostil a nivel nacional en materia de emprego, a situación de crise económica e as escasas competencias municipais sobre o emprego”.

4 de xuño de 2014 | 19:09 • Sen comentarios

Comentarios pechados.