Monforte suspende o mercado dedicado á música e á animación
O mercado “Música e Animación” que estaba previsto celebrar esta fin de semana na Praza de Abastos de Monforte, suspenderase por diferentes razóns.
O mercado pretendía ofrecer a oportunidade de contratar actuacións para festas e celebracións, contando para elo coa presenza de varias empresas que xestionan orquestras e outro tipo de espectáculos. A idea era ofrecer ás comisións de festas e á cidadanía en xeral un espazo no que recibir información sobre as diferentes ofertas, e no que poder pechar contratacións para as súas festas despois de coñecer prezos e alternativas.
O principal problema que xurdiu nos derradeiros días de preparación deste mercado foi que a maioría dos participantes comunicaron que lles resultaba imposible asistir, fundamentalmente debido a que tiñan conseguido actuacións para eses días e debían estar pendentes das mesmas. Esta circunstancia reduciu considerablemente o número de participantes no mercado, motivo polo que a organización deste evento decidiu suspender o mercado de “Música e Animación”.
Mercados de Monforte volverá retomar a súa actividade a vindeira fin de semana cunha cita dedicada ás cervexas artesáns e ás tapas de Monforte.











