Miliarium será o novo restaurante do Museo de Pontevedra que sairá a licitación pública a vindeira semana

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedraPontevedra
A-
A+

 A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra aprobou hoxe o prego de condicións para sacar a licitación pública o restaurante e a cafetería do Museo de Pontevedra. Unha vez que se publique no Boletín Provincial, os interesados disporán de 60 días para formular as súas propostas.

Despois da semana de portas abertas na que 50 empresarios do sector da hostelería e a restauración visitaron as instalacións do futuro restaurante do Museo, e unha vez recollidas as súas suxestións, hoxe o goberno provincial aprobou o citado prego para sacalo canto antes a licitación pública.

Entre as suxestións propostas, destacan cuestións sanitarias _cubrir con cristal a pedra da parede das cociñas_ e de ampliación dalgunhas dependencias, sobre todo o almacén. Ó tempo, estableceuse que o número de persoas a contratar pola firma que resulte adxudicataria sexa de 8/10 profesionais.

Unha vez se adxudique o restaurante, cafetería e gastro-bar, a Deputación destinará 80.000 euros ó amoblamento da cociña.

Os pregos de condicións hoxe aprobados establecen un prazo de 60 días desde a súa publicación no BOP para que os interesados na xestión deste establecemento presenten as súas ofertas.

Indican tamén que será unha concesión demanial, con carácter administrativo, dun dereito de uso e explotación da cafetería, terraza e restaurante do Museo, e un espazo da 3ª planta do Sexto Edificio.

Condicións

A concesión será por 5 anos prorrogables a outros 5, pero poderase extinguir ós 3 anos se o adxudicatario non consigue a Q de calidade. Búscase que o restaurante sexa acorde ó Museo, e de aí que se esixa un mínimo de calidade que de non acadarse, revocaría a concesión.

As condicións establecen tamén que o establecemento levará o nome de Miliarium.

Doutra banda, a obtención das licenzas, permisos e autorizacións necesarias para a apertura corresponderalle ó adxudicatario, ó igual que a contratación dos subministros; e a compra do mobiliario e menaxe precisos.

O canon de explotación a favor da Deputación fíxase nun mínimo do 5% sobre os ingresos brutos de cada exercicio e, en todo caso, nunca poderá ser inferior aos 10.909 € / ano, que equivale ao 3% do valor catastral das instalacións (fixado en 363.650 euros). A empresa que resulte adxudicataria deberá acreditar solvencia económica, financieira e profesional.

Nos pregos figuran tamén o número de persoal do establecemento asi como a súa categoría, oferta de servizos de Catering, organigrama de medios persoais e humanos e outras condicións.

Dependencias e medidas

O restaurante que a vindeira semana sairá a concurso tén  160 m2 no comedor, cociña exterior e interior, almacén e cámaras e compartirá aseos coa cafetería.

Na cociña haberá cámaras, equipo de refrixeración, estanterías, mesa-fregadeiro mural, campana extractora mural e central, mesa de traballo, baixomostrador, motores, lavavaixelas.

A cafetería irá na planta baixa, nun local contiguo ó restaurante co que comparte a porta exterior de entrada. 168,7 m2.

Pola súa banda, a terraza será de uso para a cafetería e restaurante en tempadas de bo tempo. Está ó aire libre e tén acceso libre.

Finalmente á última planta do Sexto Edificio accederase polo interior do Museo. A súa zona de explotación comprende a zona de cociña-barra, a terraza interior e as exteriores. Conta con ascensor e abrirá cos mesmos horarios do Museo.

20 de xuño de 2014 | 17:44 • Sen comentarios

Comentarios pechados.