“Meltemi” gaña a II Regata J80 da Coruña

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaDeportes
A-
A+

O pasado fin de semana o Real club Náutico da Coruña organizou a II Regata J80 para a clase Monotipos J80.

Durante as dúas xornadas de competición, as condicións meteorolóxicas foron moi boas, a pesar dos chuvieiros do sábado, que entre proba e proba refrescaron aos regatistas.

O sábado completáronse as 3 probas programadas, non sen certa dificultade xa que tras a primeira descargaba un gran ballón e o vento caía completamente rolando ao nordeste. Tras o pertinente cambio do campo de regatas, puidéronse celebrar as 2 probas restantes con vento de 8-12 nós, case na ensenada de Mera. Boa xornada para o Meltemi que ao final do día lideraba a clasificación xeral con 2 primeiros e un terceiro, seguido moi de preto polo “Mariña Coruña” patroneado por Pablo Martínez con 3 segundos.

O domingo, cunhas condicións perfectas para navegar de ceos despexados e norte 11 – 14 nós, podíanse completar tres probas, con máxima igualdade pola vitoria da xeral, con dúas tripulacións case nos mesmos puntos. “Meltemi” de Guillermo Branco con 6 puntos, e “Mariña Coruña” patroneado por Pablo Martínez con 7 puntos xogábanllo todo nesa última proba. Chegaban a barlovento moi igualados con Meltemi na cabeza, pero un refacho no momento de tomar o “Offset” facíalles tocar co Gennaker, tendo que penalizarse e perder varias posicións. Grazas ao seu “punto” de velocidade superior ao resto, reduciron esa distancia na seguinte cinguida, afrontando a última empopada con 3 embarcacións “comprometidas”. Ao final, vitoria na última proba do “Meltemi”, e vitoria na xeral con 7 puntos (1-1-3-1-1), por diante do “Mariña Coruña” con 9 puntos (2-2-2-1-2), e do “Biba” patroneado por Bermúdez de Castro con 12 puntos (3-3-1-2-3).

24 de xuño de 2014 | 10:32 • Sen comentarios

Comentarios pechados.