Mellórase a empregabilidade de 400 lucenses con 15 programas aos que destinará 2,6 millóns de euros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLugo
A-
A+

A Consellería de Traballo e Benestar destinará máis de 2,6 millóns de euros nos próximos meses a financiar 15 programas de emprego na provincia de Lugo que beneficiarán a 41 concellos lucenses, máis do 60 por cento dos municipios, e a preto de 400 persoas en situación de desemprego.

Así o destacou hoxe a titular do departamento autonómico, Beatriz Mato, en Lugo, onde, acompañada pola delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias, explicou, por unha banda, que a Xunta porá en marcha nesta provincia 13 obradoiros. Nestas iniciativas mixtas de formación e emprego participarán un total de 263 traballadores e traballadoras galegos que contarán cun investimento de máis de 2,3 millóns de euros.

En concreto, os 13 obradoiros concedidos son os seguintes: Lugo na especialidade de documentación dixital e electrónica; Baralla-Láncara-As Nogais-Tricastela que se centrará en albanelería; Barreiros-Lourenzá-Trabada nas especialidades de carpintería, xardinería e axuda a domicilio; Begonte-Guitiriz-Rábade-Xermade en albanelería e instalacións de sistemas de enerxía solar térmica; Castroverde-A Pastoriza-Baleira-Pol-Riotorto en xardinería e albanelería; Chantada-Carballedo nas especialidades de albanelería, xardinería e axuda a domicilio; Pantón-O Saviñao-Sober en carpintería, albanelería e xardinería; Portomarín-Antas de Ulla-Monterroso-Palas de Rei-Taboada en albanelería e xardinería: Quiroga-Folgoso do Caurel-Ribas do Sil en albanelería; O Vicedo-Ourol-Muras en pintura; Vilalba-Abadín en xardinería e albanelería; Xove-Cervo-Burela en xardinería e pintura. E, por último, na comarca da Mariña, o obradoiro é compartido polos concellos de Foz, Alfoz, Mondoñedo e Valadouro.

En todos estes obradoiros tomarán parte 20 alumnos e contarán cun investimento de preto de 180.000 euros, excepto a iniciativa de Lugo que terá 23 participantes e contará cun financiamento de máis de 213.000 euros.

Mato destacou que estas actuacións de formación e emprego ofrecen aos seus participantes unha formación teórica e práctica de calidade, orientada ás necesidades reais do mercado laboral e vinculada á obtención dun certificado de profesionalidade de validez nacional, ao tempo que está sempre ligada á realización de obras ou servizos de interese para a comunidade. Por estes motivos, a titular de Traballo destacou que a Xunta segue a apostar por estas iniciativas e, deste xeito, avanzou que nos próximos meses poranse en Galicia un total de 53 obradoiros que contarán cun investimento de 10 millóns de euros e beneficiarán a preto de 1.300 persoas sen emprego.

Plans integrados

Con respecto aos plans integrados de emprego para a provincia de Lugo, a conselleira resaltou que os dous concedidos contarán con 126 participantes e un investimento de 272.000 euros.

O primeiro deles terá lugar en Vilalba, no que participarán 66 traballadores e traballadoras e será financiado con 152.000 euros. Este plan recolle un compromiso de inserción dun 45 por cento dos seus participantes, unha porcentaxe superior ao mínimo que marca a orde, que é dun 35 por cento. O segundo desenvolverase conxuntamente para os concellos de Antas de Ulla, Palas de Rei, Portomarín e Taboada. Tomarán parte 60 desempregados e achega da Consellería para este fin alcanzará os 120.000 euros.

Mato indicou que a gran vantaxe que ofrecen estes programas é que deseñan un itinerario integral e individual para cada un dos participantes e para conseguilo combina diversas actuacións, que van desde a información, orientación, formación e asesoramento ata a intermediación con empresas, as prácticas e a inserción.

Os seus beneficiarios deben pertencer a un destes sete colectivos: persoas con discapacidade; en risco de exclusión; mulleres, especialmente se foron vítimas de violencia de xénero; menores de 30 anos, en especial con baixa cualificación; desempregados de longa duración, tamén de forma especial os que teñen baixa cualificación; persoas inmigrantes; e, por último, desempregados como consecuencia dun ERE de extinción.

En toda Galicia, poranse en marcha nas próximas semanas 22 programas integrados de emprego nos que tomarán parte 1.742 persoas desempregadas. Esta actuación conlevará un investimento de 3 millóns de euros.

Mato anunciou, neste eido, que proximamente resolveranse as solicitudes dos plans integrados de emprego para entidades sen ánimo de lucro, que van estar dotados con case 2,5 millóns de euros. En global, estes programas contarán este ano cun orzamento de 5,5 millóns de euros, un 117 por cento máis que en 2013.

Por último, a conselleira sinalou que tanto os obradoiros como os programas integrados destacan porque contribúen a ampliar o espazo de colaboración entre a Xunta e os concellos, como tamén fomentan esta cooperación o programa de contratación de perceptores de RISGA nos concellos de Galicia, que conta con 3 millóns de euros para incentivar o acceso ao emprego de persoas en situación de risco de exclusión, e o programa de formación dual a entidades locais. Desta última actuación, ampliouse recentemente o orzamento en 3 millóns de euros, ata os 4,1 millóns.

23 de xuño de 2014 | 13:24 • Sen comentarios

Comentarios pechados.