Medio cento de persoas realiza as probas para os postos de peón e conserxe en Cangas
Esta mañá máis de medio centenar de persoas realizaron as diferentes probas que lles permitirán optar a unha das 18 prazas de peón ou 2 de conserxe que o Concello de Cangas oferta ao abeiro do “Plan de Conservación e Funcionamento de Bens e Servizos Municipais” promovido pola Deputación de Pontevedra.
Previamente os candidatos foron pre- seleccionados polo Servizo Público de Emprego de Galicia. Por cada unha das prazas ofertadas tres persoas realizaron a proba aínda que hai algúns aspirantes que se presentan a máis dun posto.
Esta iniciativa vai dirixida a persoas desempregadas que non reciban prestacións, con excepción do RISGA, RAI ou PREPARA, maiores de 16 anos que estean inscritas no Servizo Público de Emprego de Galicia como demandantes de emprego.
Así pois, o Concello poderá contratar a 4 peóns varredores, 6 peóns para desbroces, 4 peóns albaneis, 2 peóns para a sinalización de rueiros, 2 peóns pintores e 2 conserxes para centros públicos, que traballarán 25 horas semanais por un período de 6 meses.
Os candidatos realizaron un exercicio práctico e contestaron as preguntas formuladas polo Tribunal, sobre as técnicas de traballo e ferramentas utilizadas polos peóns en cada servizo, o uso de medios técnicos coma teléfono ou fotocopiadora e coñecementos de informática a nivel usuario para os que aspiran aos postos de conserxe.
Esta previsto que mañá venres se publique o resultado do proceso selectivo no taboleiro de anuncios do concello e na páxina web http://www.cangas.org/ e que os seleccionados poidan comezar a traballar o vindeiro 1 de xullo.
Probas socorristas
Coa finalidade de reforzar a seguridade nos areais do municipio durante estes meses de verán Cangas oferta 10 novas prazas de socorristas que se unirán aos 15 socorristas e 3 patróns xa seleccionados polo concello. Así pois, as praias de Cangas contarán esta temporada estival cun total de 25 socorristas e 3 patróns que velarán pola seguridade dos bañistas.
Mañá venres a partir das 17:00 horas terán lugar as probas selectivas destes 10 novos socorristas, que previamente foron seleccionados pola Oficina de Emprego de Cangas.
A proba consistirá en correr 200 metros, entrar no mar e nadar 50 metros para recoller un moneco de rescate acuático, remolcalo coa técnica adecuada ata a beira e sacalo da auga ata o punto sinalado polo Tribunal. A proba terá unha puntuación máxima de 100 puntos resultando acadar un mínimo de 50 para non quedar eliminado.











