Medio Ambiente organiza cos empresarios unha xornada informativa sobre a ordenanza de verteduras
O concelleiro de Medio Ambiente, Enrique Salvador, asistiu esta mañá a unha xornada informativa na sede da Asociación de Empresarios Agrela organizada desde o Concello para resolver as dúbidas deste colectivo con respecto aos requirimentos da ordenanza de verteduras e do servizo municipal de saneamento da Coruña.
Tal e como recolle o documento, aprobado en xullo de 2013, todos os usuarios titulares das actividades recollidas no artigo 14.2 da ordenanza – usuarios industriais, usuarios non domésticos cuxo vertido sexa superior a 2.000 m3 anuais, aqueles que aínda cunha vertedura inferior orixinen contaminación e usuarios que utilicen augas cuxa procedencia non sexa da rede de abastecemento – deben presentar no Concello antes do 31 de xullo unha solicitude de permiso de vertedura co fin de adaptarse aos requirimentos e procedementos recolleitos na ordenanza, que establece os límites cualitativos e cuantitativos dos efluentes e regula as características técnicas da acometida. Por este motivo, a Concellaría enviou unha carta informativa a máis de 200 empresarios para lembrarlles a súa obrigación de adaptarse ao documento.
A Ordenanza de Verteduras e do Servizo de Saneamento regula, por primeira vez e con rango de norma, o servizo público municipal de saneamento de augas residuais e as condicións das verteduras das augas residuais e pluviais co obxectivo de adecuar a calidade da auga dos efluentes da EDAR de BENS ao medio receptor; previr danos ou alteracións que poidan reducir ou anular a eficacia dos procesos de tratamento da planta depuradora; garantir o bo funcionamento de todas as infraestruturas, obras e equipos que integran o servizo municipal, de saneamento; evitar pór en risco a saúde dos traballadores das redes de saneamento e da planta depuradora; posibilitar a reutilización das augas residuais; evitar emisións incontroladas de contaminantes á atmosfera ou evitar que os lodos da depuración das augas residuais urbanas teñan concentracións de contaminantes.
Co cumprimento da ordananza avánzase para completar o ciclo da auga, unha prioridade do Goberno local. Para logralo é imprescindible a complicidade e colaboración dos cidadáns que, coas súas accións, cooperan para facer da Coruña unha cidade cada vez máis sustentable e respectuosa co medio ambiente. A xestión correcta do saneamento e depuración de augas residuais é, igualmente, básica para alcanzar estas metas.











