Máis de 800 persoas asistiron á estrea do prólogo de Las brujas de E’lente
A asociación galega sen ánimo de lucro, Lutra Films, organizou o pasado sábado día 31 de maio, un evento por todo o alto no que os invitados coñeceron un pouco máis a Las brujas de E’lente. Unha produción audiovisual creada e dirixida polo xoven ourensán Simón Vázquez.
A gala, á que asistiron máis de 800 persoas, tivo lugar no Auditorio Municipal de Ourense e foi presentada por unha das actrices protagonistas, Alba Recondo, que fixo rir aos invitados grazas ao ton humorístico, presente durante a hora e media que durou a gala. Aínda que a emoción tamén foi protagonista da man do director no momento no que deu o seu discurso e fixo subir ao escenario a parte do xovencísimo equipo da produción.
Dúas actuacións musicais, un concurso entre o público, vídeos dalgúns membros do equipo que non puideron asistir á gala ou a recompilación dos mellores momentos da rodaxe, estiveron entre as numerosas sorpresas da noite. O público non dubidou en aplaudir o traballo realizado e, á saída, moitos declaraban ter moitas gañas de ver rematada a película. Algo que terá que agardar aínda bastante debido ao traballo que queda por facer.
O equipo de Simón xa prepara a rodaxe que terá lugar no mes de agosto e coa que agardan rematar o filme.











