Máis de 80 alumnos participarán nos catro obradoiros de emprego que se van desenvolver na comarca do Salnés
A Consellería de Traballo e Benestar aprobou catro obradoiros de emprego na comarca do Salnés, que beneficiarán a 82 persoas desempregadas, cun orzamento de 730.000 euros.
A conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, acompañada do delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou hoxe Cambados e indicou que este concello contará cun obradoiro para 19 alumnos e un orzamento de 170.000 euros para acondicionamento e mellora de espazos verdes. Ademais, nesta comarca haberá unha iniciativa para a Mancomunidade do Salnés (23 alumnos e 205.000 euros), O Grove (19 alumnos e 170.000 euros) e Vilagarcía (21 alumnos e 185.000 euros).
Na súa intervención, Mato indicou que estes programas contarán con numerosas vantaxes. En primeiro lugar, a posibilidade de acceder a un posto de traballo. Así mesmo, ofrecen unha formación teórica e práctica “de calidade, orientada ás necesidades reais do mercado laboral e vinculada á obtención dun certificado de profesionalidade de validez nacional” que contribúe á mellora da súa empregabilidade.
A titular de Traballo lembrou que estas iniciativas “abren un importante espazo de colaboración cos concellos” no marco da aposta da Xunta pola eficiencia e optimización de recursos, co obxectivo de “orientar adecuadamente os esforzos”.
Neste sentido, Mato explicou que a cooperación entre concellos permite, ademais de levar a cabo obradoiros, desenvolver outras iniciativas como, por exemplo, a próxima construción dun centro de día no concello de Cambados, unha actuación na que o departamento autonómico vai investir 800.000 euros e que será o primeiro centro de día do concello, con unha capacidade e 40 prazas.
Ademais, os obradoiros están vinculados á realización de obras e servizos de interese para a comunidade. No da Mancomunidade do Salnés, que inclúe aos concellos do Grove, Vilagarcía, Vilanova, A Illa, Meaño, Ribadumia e Sanxenxo, nas especialidades de cociña, camareiro de bar e restaurante e camareiro de pisos.
O obradoiro ‘Monte das Flores V’ desenvolverase no concello do Grove, nas especialidades de axuda a domicilio, axente de desenvolvemento turístico e deseño gráfico. Por último, o obradoiro ‘Vista Alegre 3’ de Vilagarcía de Arousa impartirá as especialidades de axuda a domicilio, deseño e mantemento de páxinas web e carpintería.
Ademais dos catro obradoiros da comarca do Salnés, Traballo concedeu un para a comarca de Pontevedra, conxunto para os concellos de A Lama, Pontecaldelas e Fornelos, cun orzamento de 177.668 euros e 20 beneficiarios para as especialidades de traballos forestais, atención sociosanitaria en domicilio e institucións, e xardinería.
Mato indicou que nos próximos meses poranse en marcha un total de 53 obradoiros por toda Galicia, que contarán cun investimento de máis de 10,2 millóns de euros e beneficiarán a preto de 1.300 persoas. En concreto, na provincia de Pontevedra financiaranse 12 obradoiros, que beneficiarán a 22 concellos, contarán con 242 alumnos e un investimento de 2 millóns de euros.