Máis de 600 mozos participan na Coruña no Smart Weekend

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

O Concello informa de que máis de 600 mozos participaron o pasado fin de semana no Coliseum no Smart Weekend, un evento tecnolóxico con actividades de lecer e concursos de desenvolvemento organizado por Movemento Xove e Social.icem coa colaboración do Concello da Coruña, Emalcsa, Altia, Indra, Ilux Technologies, R e Fi con Dev.

A iniciativa arrincou o venres co Smart – Dev, un concurso de desenvolvemento tecnolóxico no que empresas do Clúster TIC e do sector TIC nacional como Altia, Indra, R, Wecko, Telecon, Telsa Technologies, Sopra, Lupeon 3D e Trabe, propuxeron aos participantes retos tecnolóxicos para desenvolver durante o fin de semana. Entre as propostas destacaban retos de programación, algoritmos, deseño web, apps móbiles, plug inns ou accións de e-commerce.

O sábado pola mañá desenvolveuse Smart – Ideas, un concurso aberto a todo tipo de perfís organizado polo equipo de Coruña Smart City co obxectivo de desenvolver ideas ou proxectos enfocados a potenciar A Coruña como unha cidade máis eficiente e intelixente. O xurado do concurso destacou a calidade e o nivel das 15 presentacións entre as que se atopaban propostas sobre consumo de enerxía, tráfico, localización de interiores, sistema de parking, consumo de auga, xestión de residuos, iluminación, calidade do aire, información, eventos culturais, medio ambiente ou xestión da felicidade. O tres gañadores da primeira edición do concurso foron os seguintes:

– Sitium Technologies: Museos intelixentes. Sistema de localización xeográfica de interiores; de Cristina Gamallo e Adrán Canedo.

– Vivir na Coruña, axenda cultural: Un portal que conecta aos cidadáns cos eventos culturais da cidade; de Lucía Pita e Daniel Fernández.

– Xestión da felicidade urbana: unha app para medir a felicidade dos cidadáns cada día; de Óscar Branco.

Tras o éxito de participación, tanto os organizadores como as empresas colaboradoras e o equipo de Coruña Smart City seguirán promovendo este tipo de iniciativas TIC entre os mozos como unha das mellores ferramentas para cultivar o talento local e fomentar a creación de novos empregos.

9 de xuño de 2014 | 15:16 • Sen comentarios

Comentarios pechados.