Máis de 400 persoas participarán na xornada de recuperación e protección da paisaxe galega en Santiago
Máis de 400 persoas participan mañá na xornada técnica sobre a recuperación e a protección da paisaxe galega que organiza a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas en Santiago de Compostela.
O encontro será inaugurado polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e contará coa presenza de técnicos municipais e doutras administracións (Xunta e Deputacións), así como de profesionais que interveñen na paisaxe: arquitectos, aparelladores, enxeñeiros e paisaxistas e aos equipos redactores de planeamento que na actualidade traballan na redacción dos plans xerais de ordenación municipal.
A paisaxe de Galicia caracterízase por ser na súa maioría rural, xa que máis dun 93% das entidades de poboación de Galicia son rurais, ademais de ter unha forte dispersión e concentrar un 49% das entidades de poboación de España.
Por este motivo e co fin de recuperar e protexer a paisaxe galega, a Xunta de Galicia invitou aos 314 alcaldes dos concellos galegos ao encontro para concienciar aos profesionais incidindo nas claves para a intervención responsable nos núcleos rurais e nas medidas que contempla a nova Lei do Solo contra o maltrato da paisaxe.
Contido da xornada
A xornada técnica comezará coa presentación da Guía de boas prácticas para intervención nos núcleos rurais, publicada polo Instituto de Estudos do Territorio da Xunta de Galicia. O seu autor, o catedrático de Urbanismo e Ordenación do Territorio da Universidade da Coruña, José González-Cebrián Tello, facilitará aos profesionais e aos particulares que interveñen nos núcleos rurais, claves para un desenvolvemento responsable. A través de casos prácticos ofrecerá indicacións sobre:
-O deseño, renovación ou ampliación de vivendas
-O emprazamento axeitado da edificación no terreo e a valorización da contorna: solucións para a integración harmoniosa de edificacións, rúas e espazos públicos
-A protección dos valores do medio rural.
O segundo dos eixes da xornada será a aposta pola paisaxe galega na nova Lei do Solo, un documento que esixirá que os plan xerais de ordenación municipal incorporen unha memoria xustificativa de integración paisaxística. Neste sentido, durante este encontro poderase afondar nas determinacións que recolle este texto legal para evitar edificacións inacabadas na paisaxe galega, ou debater sobre as formas e os materiais que provoquen un menor impacto, co fin de facer prevalecer os valores paisaxísticos de cada zona de Galicia.
Dende a Xunta deféndese a idea de que a paisaxe das zonas rurais galegas é excepcional, pero tamén existen degradacións ou impactos paisaxísticos sobre os que actuar. Entre as posibles causas desta realidade pódese apuntar a aparición de novos modos de explotación; usos non axeitados do territorio, como o desenvolvemento de superficies comerciais e industriais só co criterio de funcionalidade; ou un crecemento urbanístico desordenado, debido á ausencia de planeamento.
Tamén a falta de educación e sensibilidade, é dicir, dunha formación técnica cualificada para manter o equilibrio entre a eficiencia ambiental e a cohesión social é unha das causas do deterioro do rural de Galicia. Polo tanto, xornadas como a que se desenvolverá mañá potenciarán unha sensibilidade social e un compromiso real dos técnicos que interveñen no territorio.
Paisaxe galega
A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas está a desenvolver dende o ano 2011 unha Estratexia da Paisaxe de Galicia, e acomete a súa revisión neste ano 2014, cara a posta en valor, protección e recuperación, no seu caso, da paisaxe galega.
Trátase dunha política transversal a todos os departamentos que se alongará durante toda a lexislatura incidindo en accións que acaden unha nova sensibilidade para construír a Galicia do futuro, a terra, o territorio e a paisaxe que queremos deixarlle ás xeracións vindeiras. A Galicia do futuro constrúese agora e é unha tarefa de todos, é unha misión común porque todos somos paisaxe.











