Máis de 40 accións tratarán de impulsar o comercio de proximidade de Pontevedra

Cores Tourís na visita ao CCA da Zona Monumental de Pontevedra
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, destacou esta mañá en Pontevedra, o apoio con preto de 1 millón de euros (975.026,73 euros) á posta en marcha de máis de 40 accións de impulso ao comercio de proximidade aos 25 centros comerciais abertos e 17 asociacións de praceiros da provincia de Pontevedra que resultaron beneficiados polas axudas que vén de resolver a Consellería de Economía e Industria.
Cores Tourís visitou o Centro Comercial Aberto-Zona Monumental de Pontevedra, acompañado do xefe territorial de Economía e Industria, Ignacio Rial, para destacar estes datos e felicitar a esta asociación polos seus 25 anos de existencia que celebrarán mañá ao longo dos próximos días con diversas actividades, segundo apuntou o presidente do centro comercial, Miguel Lago. “Comezaremos mañá cunha tarde de compras diferente, alargando o noso horario ata as dez da noite, con descontos, promoción e degustación de produtos”, explicou o responsable de Zona Monumental.
O delegado territorial agradeceu a esta entidade o seu traballo en pro do pequeno e mediano comercio e recordou que, precisamente, as axudas que hoxe veu a dar a coñecer no Centro de Negocios de Pontevedra teñen como finalidade seguir a potenciar o comercio de proximidade, a través dun programa de apoios ás asociacións de comerciantes para a dinamización dos centros comerciais abertos e as prazas de abastos. “A Consellería de Economía e Industria incrementou as axudas concedidas dentro deste programa nun 7% con respecto ao ano pasado, potenciándose dúas figuras clave para o comercio galego, mediante o apoio a actuacións que permitirán impulsar as vendas, atraer nova clientela e mellorar os servizos que ofrecen”, matizou.
Así, 25 centros comerciais abertos de vilas e cidades de toda a provincia obtiveron apoios para diferentes actuacións entre as que se inclúen campañas de dinamización, sistemas de fidelización de clientes ou sinalización comercial externa, mentres que 17 asociacións das prazas de abastos conseguiron axudas para poñer en marcha de iniciativas, entre as que se inclúen ademais das sinaladas melloras en instalacións colectivas e equipamentos.
Das 42 accións de impulso da provincia, 22 corresponden a asociacións de praceiros ou centros comerciais abertos de concellos dependentes da Delegación Territorial da Xunta en Pontevedra, “en total, case 502.000 euros destinados a 13 CCU e 9 asociacións de prazas de abastos”, matizou Cores Tourís.
En relación ao ano pasado, incorporáronse a este programa na provincia de Pontevedra os CCA de Vilanova Centro e Vigo Vello, así como o CCA de Tui. “No caso concreto de Zona Monumental Pontevedra, cabe destacar a subvención de 33.000 euros que recibirá dentro desta orde de axudas, que poderá destinar a posta en marcha de iniciativas como a dinamización comercial, os sistemas de fidelización, a sinalización comercial ou a mellora de competitividade, aínda que tamén poderá afrontar gastos da súa unidade xerencial”.
A maiores, a asociación da praza de abastos de Pontevedra tamén recibirá unha axuda con estes mesmos fins de 7.574 euros.
“Os apoios para cada centro comercial aberto poden chegar ata os 40.000 euros e alcanzar ata o 80% do investimento subvencionable, en función da poboación dos concellos nos que están situados e do número de establecementos asociados. No caso das asociacións das prazas de abastos, a porcentaxe de axuda é do 70%, sendo a subvención máxima de 9.800 euros”, especificou o delegado territorial.
Estratexia específica para o impulso ao sector comercial
Segundo apuntou José Manuel Cores Tourís, este programa enmárcase na estratexia específica da Xunta para impulsar o sector comercial e mellorar a súa competitividade, centrada en eixos como o apoio ao asociacionismo, o emprendemento, o relevo xeracional, ou a innovación; estratexia dentro da cal se levan activado no que vai de ano programas de axudas dotados con máis de 6,5 millóns de euros.
Así, “a maiores tamén cabe destacar, no eido do impulso ao asociacionismo comercial, a posta en marcha doutra orde destinada a apoiar o labor que desenvolven as federacións de comerciantes e asociacións de ámbito superior ao municipal, dotada con 800.000 euros para toda Galicia e en fase de resolución”, explicou o delegado territorial.
Activouse así mesmo o programa de apoios aos concellos galegos para potenciar os mercados e prazas de abastos e impulsar a competitividade do comercio de proximidade, dotado con 3,1 millóns de euros, tamén en fase de resolución, e, no ámbito do emprendemento, está aberto á presentación de solicitudes ata o 30 de xuño a nova convocatoria para a apertura de establecementos comerciais, que conta cunha dotación inicial de 500.000 euros.











