Máis de 300 cativos compiten no Campionato Galego de Natación Alevín en Carballo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCarballoDeportes
A-
A+

Un total de 303 nenos e nenas de 27 clubs de toda Galicia participan o sábado 28 e o domingo 29 de xuño no Campionato Galego de Natación que se disputa na piscina Carballo Calero da capital municipal. Organizado pola Federación Galega de Natación (Fegan) coa Agrupación Deportiva Fogar como anfitrións e coa colaboración do Concello de Carballo, a cita supón a celebración de 32 probas, incluíndo relevos, de 10.00 a 14.00 e de 17.00 a 21.00 horas en catro sesións maratonianas nas que nenos e nenas de entre dez e catorce anos buscarán as súas mellores marcas. Segundo explica o presidente da Fegan, Carlos Bremón, os participantes nadarán “todas as probas do calendario de natación”, esforzándose ao máximo por acadar “as marcas mínimas para participar no próximo Campionato de España que se disputa en Badajoz”. O AD Fogar leva ao quinto equipo máis numeroso dos 27 que virán de toda Galicia, con 17 nadadores e nadadoras (o máis numeroso e o Club Natación Portamiña de Lugo con 31).

O seu obxectivo é estar entre os dez primeiros, explica o presidente, Gustavo Álvarez, nunha cita que aglutina “ao futuro da natación galega”, en verbas de Bremón, que subliña que deste campionato pode “saír algún campión de España, como ten sucedido en ocasións anteriores”. Dende a AD Fogar, Álvarez quixo agradecer a confianza depositada pola Fegan no club para acoller unha cita desta complexidade organizativa, xa que, ademais de coordinar aos 303 participantes, trátase de campionatos “que arrastran a moitísimo público” polas idades dos rapaces e rapazas das categorías en competición. E tamén mencionou a todos os patrocinadores e especialmente ao Concello de Carballo, “que fixeron posible este campionato”.

Á súa vez, Carlos Bremón, manifestou que a Federación ten “plena confianza” no Fogar para sacar adiante unha cita deste tipo, así como no Concello carballés “polo magnífico apoio que vén prestando ao deporte dende hai xa moitos anos”. O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, en representación do Concello, quixo resaltar a idea de que “o deporte é un elemento máis da economía” e que, “mentres que houbo quen pensou que se podían axustar contas co deporte e a cultura, nós pensamos xustamente o contrario”. Por iso, expresou a súa satisfacción por que “esta fin de semana, ademais de poñérselle o broche ás festas, 300 nenos e nenas e as súas familias estarán en Carballo”, consumindo e contribuíndo “a dinamizar a economía local”.

26 de xuño de 2014 | 19:52 • Sen comentarios

Comentarios pechados.