Máis de 200 rapaces participarán no II Festival Escola Lubiáns de Patinaxe Artística

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCarballo
A-
A+

O Pavillón Carballo Calero da capital municipal acolle o domingo 15 de xuño a celebración do II Festival Escola Lubiáns de Patinaxe Artística no que está previsto que participen máis de 220 nenos e nenas de doce clubs de toda Galicia. Así, están convidados, ademais dos anfitrións, o CPR Artai de Carballo; o CP Conxuro da Laracha; o C Brincadeira da Coruña; o C Compañía de María da Coruña; a AD Liceo da Coruña; o CP Radeansa da Coruña; o Axel Patín de Arteixo; o CP Fervello de Arteixo; o CP Patiber de Bergondo; o CP Patiart de Coristanco; e o CP Raiola de Ferrol. A cita comeza a partir das 17.00 horas e o presidente de Escola Lubiáns -organizadora da cita coa colaboración do Concello, a Deputación da Coruña e Galicia Saudable-, Fernando Fidalgo Cerviño, subliña que a cita medrou dende a súa primeira edición en 2013, coa presenza de clubs de moitos puntos distintos e tamén coa colaboración do club de patinaxe da Laracha, a quen lle agradecen a súa presenza.

Dende Lubiáns, subliñan, ademais, que nos últimos tempos están tendo moi boa resposta na disciplina da patinaxe artística, con monitores en Cabana e nos CEIP Gándara-Sofán e Bergantiños de Carballo impartindo clases. Ademais da celebración do festival de patinaxe, Escola Lubiáns celebra o sábado 14 de xuño na Cheda unha comida para despedir a tempada á que asistirán a maioría de socios e socias do club, incluíndo aos máis cativos e cativas. O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, que estivo na presentación da cita xunto co Concelleiro de Deporte, Marcos Trigo, e outros membros da directiva do club, quixo salientar que “hai moi poucos concellos de 30.000 habitantes que teñan a oferta deportiva que ten Carballo”, non só “pola diversidade”, senón tamén “pola súa calidade”. Para o rexedor, até o de agora había dúas eivas no abano da oferta deportiva carballesa, que eran o atletismo e as categorías de femias.

Mais nos últimos tempos téñense creado dous clubs de atletismo, ademais de que as nenas se incorporan cada vez máis aos equipos das distintas entidades, ou son protagonistas noutros, como no caso da patinaxe artística de Lubiáns, en que hai maioría feminina. Ferrero pechou a rolda de prensa celebrando “que unha entidade como Lubiáns siga medrando e mellorando a súa actividade deportiva”.

11 de xuño de 2014 | 17:34 • Sen comentarios

Comentarios pechados.