Máis de 200.000 euros serán destinados a un novo obradoiro de emprego no Val Miñor
A Consellería de Traballo e Benestar ven de aprobar un novo obradoiro de emprego solicitado pola mancomunidade de concellos do Val Miñor (Nigrán, Gondomar e Baiona) que continúa cos xa levados a cabo nesta zona nos últimos anos.
Neste programa mixto de formación e emprego se investirán un total de 205.000 euros para formar e ofrecer un posto de traballo a 23 persoas desempregadas nas especialidades de cociña, camareiro de restaurante e bar, e limpeza de inmobles.
Os obradoiros de emprego contan con numerosas vantaxes. En primeiro lugar, a posibilidade de acceder a un posto de traballo. Así mesmo, ofrece unha formación teórica e práctica de calidade, orientada ás necesidades reais do mercado laboral e vinculada á obtención dun certificado de profesionalidade de validez nacional que contribúe á mellora da súa empregabilidade. Con todo, este tipo de iniciativas abren un importante espazo de colaboración cos concellos no marco da aposta da Xunta pola eficiencia e optimización de recursos, co obxectivo de orientar adecuadamente os esforzos. Ademais, os obradoiros están vinculados á realización de obras e servizos de interese para a comunidade.
Área territorial de Vigo
Nos próximos meses poranse en marcha un total de 53 obradoiros por toda Galicia, que contarán cun investimento de máis de 10,2 millóns de euros e beneficiarán a preto de 1.300 persoas.
En concreto, na área territorial de Vigo se desenvolverán cinco obradoiros de emprego máis a maiores do concedido ao Val Miñor que contarán cun orzamento de preto de 1,1 millón de euros para beneficiar a máis de 120 alumnos.











