Macarena García protagoniza o musical La Llamada na Coruña
A programación desta semana iníciase mañá, martes 3 de xuño ás 20.30 horas, con La Casa de Bernarda Alba, o clásico de Lorca que pon en escena a compañía de teatro afeccionado El Ruiseñor. De cara a fin de semana a oferta será musical: o sábado 7 ás 21.00 horas con La Llamada protagonizado por Macarena García e o domingo 8 ás 18.00 horas coa proposta familiar de Teresa Rabal: Veo, veo, el musical.
Teatro El Ruiseñor leva a escena con gran respecto a obra de Lorca, transportando ao público a un mundo de represión, convencionalismos sociais e valores patriarcais no que nacer muller é o maior castigo. A obra narra o reclutamento de Bernarda e as súas fillas trala morte do home desta. A represión e asfixia á que son sometidas as fillas convértese nunha bomba de reloxaría nunha casa dominada pola figura materna.
Musicais para a fin de semana
Na fin de semana chegan ao Teatro Colón dous musicais ben distintos: La Llamada e Veo, Veo. O primeiro, protagonizado por Macarena García, poderá verse o sábado 7 ás 21.00 horas e o domingo 8 ás 18.00 horas toda a familia poderá gozar con Teresa Rabal e o musical Veo, veo.
La Llamada estreouse en maio de 2013 no hall do Teatro Lara de Madrid e grazas ao éxito de crítica e público, converteuse nun musical de gran formato sobre o escenario principal no que o viron máis de 15.000 espectadores. Javier Calvo –Fer en Física o Química– e Javier Ambrossi –Sin tetas no hay paraíso– son os artífices desta obra que fala do paso da adolescencia á madurez, da amizade, do espertar, do electro-latino, do dereito a cambiar e de atopar o propio camiño.
Trátase dunha comedia moi divertida que aborda o tema da relixión dende o respecto e tratando de non ferir sensibilidades, neste sentido Javier Ambrossi apuntaba esta mañá na presentación que ‘no ensalza ni critica la fe. Tiene un punto irreverente y picante pero es una propuesta muy respetuosa’. Este respecto abórdano dende a variedade musical presente na obra ‘nos parecía que el respeto se plasma muy bien en los gustos musicales de los demás. Queremos hablar de la identidad y de respetar las acciones de los otros y la diversidad de opciones. Por eso en la obra se interpreta electro-latino, temas de Whitney Houston ou Presuntos Implicados’ engade Ambrossi.
A actriz Macarena García –Goya á mellor actriz revelación e Concha de Plata en San Sebastián 2012 polo seu papel en Blancanieves de Pablo Berger- é a protagonista desta obra. A moza afirma estar encantada con poder bailar, cantar e interpretar ‘estoy feliz porque desde pequeña lo que más me ha gustado es cantar y bailar. Yo empecé en el musical High School Musical y ahí descubrí que me gustaba la interpretación’. La Llamada trata de facernos reflexionar en torno á importancia de buscar a propia identidade para atopar o que de verdade nos gusta facer e ser capaz de levalo a cabo.
As entradas pódense adquirir a través da páxina web do teatro www.teatrocolon.es, en www.servinova.com. No quiosco da Praza de Ourense, en horario de luns a venres de 9.30 a 13.00 e de 16.30 a 19.30 e tamén na sede do Centro Sociocultural Novacaixagalicia, no Cantón Grande 21/23, de luns a sábado, 9.00 a 21.00 horas. Ademais, no despacho de billetes do propio teatro o mesmo día do espectáculo de 12.00 a 14.00 e de 17.00 a peche. Os espectadores poden adquirir tamén nos despachos de billetes do Teatro Colón, do Centro Sociocultural Novacaixagalicia e na web de Servinova a Tarxeta Teatro Colón, un programa de abonados con innumerables vantaxes como descontos nunha trintena de locais comerciais da Zona Obelisco ou no hotel NH Atlántico.











