Lousame convoca un obradoiro gratuíto de agricultura ecolóxica
O Concello de Lousame convoca un obradoiro de agricultura ecolóxica, unha iniciativa totalmente gratuíta e dirixida aos veciños e veciñas do municipio. O curso terá lugar en Lousame en horario de tarde entre o luns 16 de xuño e o luns 30 de xuño. A participación é totalmente de balde, se ben é preciso anotarse previamente nos Servizos Sociais do Concello de Lousame antes do 13 de xuño.
O obradoiro inclúe unhas bases teóricas combinadas cunhas prácticas de campo, onde os alumnos e alumnas poderán desenvolver os traballos comúns nunha horta ecolóxica. Para iso, aprenderán os fundamentos da agroecoloxía, do solo agrícola e da fertilización, así como a controla as pragas e as enfermidades dun xeito biolóxico. Así mesmo, os mestres do obradoiro ofrecerán nocións básicas de produción gandeira ecolóxica, explicarán as vías para conseguir a viabilidade dunha explotación ecolóxica e falarán sobre o manexo e a rotación dos cultivos hortícolas.
Este curso organizado polo Concello de Lousame está subvencionado pola Deputación Provincial da Coruña, que tamén se encargou de financiar o curso de preparación para a busca de emprego, que remata mañá mércores 4 de xuño.











