Lousame convoca a Ludoteca de Verán con obradoiros diferentes cada semana
O Concello de Lousame vén de abrir o prazo de inscrición na súa Ludoteca de Verán, unha iniciativa para a conciliación da vida familiar e laboral durante os meses de verán e que está integrado dentro do programa Lousame Concilia. A Ludoteca de Verán está dirixida a nenos e nenas de entre 3 e 12 anos de idade para os que o Concello de Lousame ten programados unha serie de 11 obradoiros diferentes, que terán lugar do 30 de xuño ata o 11 de setembro na Casa da Cultura en horario de 9:30 a 14:30 horas.
A alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde, explica que a Ludoteca de Verán “é unha iniciativa coa que buscamos conseguir un dobre obxectivo: ocupar o tempo de lecer dos cativos dun xeito divertido e educativo; e ofrecerlles aos pais e nais de Lousame unha alternativa que lles facilite a conciliación da vida laboral e familiar durante ese tempo de vacacións escolares”. Por iso, o Concello de Lousame ofrecerá dúas modalidades de inscrición: todo o verán ou semanas/días soltos, adaptándose deste xeito ás necesidades de cada familia.
Inscricións
No caso das familias que opten pola inscrición para todo o verán, o prezo será de 15 euros/mes e terán ata o 25 de xuño para realizar a inscrición. Para anotarse só terán que descargar e cumplimentar o impreso correspondente, que poden recoller nos Servizos Sociais de Lousame ou descargar directamente da web municipal (www.concellodelousame.es) ou do Facebook do Concello (www.facebook.com/concello.delousame).
O Concello de Lousame convoca 30 prazas. No caso de haber máis demanda, terán preferencia os nenos/as empadroados/as no municipio, valorarase a situación das familias e terase en conta tamén a orde de inscrición. No caso das familias interesadas en que o seu cativo participe nunha única semana ou en días soltos, só terá que chamar ao teléfono 609 828 853. Neste caso, o prezo é de 2,5 euros por día. Máis información nos Servizos Sociais de Lousame ou no 981 820 494.
Programa
O Concello de Lousame ten programado un obradoiro diferente para cada semana, que comezarán cun Ludo-Natura do 30 de xuño ao 4 de xullo. Durante o mes de xullo terán lugar: Circuslandia (do 7 ao 11 de xullo), Arte Dramático Animado (do 14 ao 18 de xullo), Fauna Animada (do 21 ao 24 de xullo) e a Semana da Moda (do 28 de xullo ao 1 de agosto).
Para o mes de agosto están previstos un Mundial Cultural (do 4 ao 8 de agosto), unha Xincana Deportiva (do 11 ao 14 de agosto), un obradoiro de Fotografía (do 18 ao 22 de agosto) e un obradoiro sobre reciclaxe (do 23 ao 29 de agosto). Para as dúas primeiras semanas de setembro quedan un obradoiro para coñecer os distintos oficios (do 1 ao 5 de setembro) e unha gran festa de peche de obradoiro (do 8 ao 11 de setembro).
Lousame Concilia está organizado polo Concello de Lousame e conta coa colaboración da Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia e do Fondo Social Europeo.











