Licítase por 150.000 euros o contrato de mantemento da presa do Con en Vilagarcía de Arousa
A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas licita por case 150.000 euros o contrato de mantemento e xestión necesarias para a correcta explotación da presa do Con para os anos 2015 e 2016.
A presa do encoro do Con en Vilagarcía de Arousa é unha das reservas secundarias de abastecemento de auga do concello. Este encoro reforza o sistema de abastecemento municipal subministrando parte da auga que a súa poboación demanda anualmente. É, polo tanto, unha importante infraestrutura que complementa a outra captación, a principal dende o río Umia.
Esta infraestrutura é explotada na actualidade pola Xunta de Galicia a través de Augas de Galicia que, deste xeito, apoia ao Concello no desenvolvemento das súa competencia de prestación do servizo municipal de abastecemento.
Outras actuacións
Ademais da explotación e mantemento continuados, Augas de Galicia rematou en 2013 as obras de “Mellora e automatización da presa do Con” cun orzamento de máis de 1,6 millóns de euros.
As actuacións máis importantes levadas a cabo foron: a construción dun novo peche perimetral e dunha nova caseta de control; as melloras na auscultación, automatización e telecontrol da presa e das instalacións eléctricas. Tamén instaláronse comportas no aliviadero e desenvolvéronse actuacións en coronación para conseguir incrementala capacidade do encoro e realizouse a pantalla de impermeabilización na presa.











