Licítanse as obras de mellora da estación de autobuses de Lugo
A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a licitación para a contratación de obras de mellora de accesibilidade, instalación e sistemas de información na estación de autobuses de Lugo.
A Dirección Xeral de Mobilidade achega un importe de 59.033,79 euros para a execución de obras de mellora de accesibilidade, instalacións e sinalización. Prevese que o inicio da realización das actuacións será no vindeiro mes de setembro, cun prazo de execución dun mes.
No que se refire ás melloras na accesibilidade, constan accións para a eliminación dos chanzos existentes na entrada lateral da estación e na entrada á zona comercial e de oficinas, mediante a execución dunha rampla; ou a colocación de apoios isquiáticos na dársena. Tamén se realizarán o repintado do paso de peóns existente na zona de acceso dos autobuses á dársena e colocación dos correspondentes sinais verticais; así como a colocación de sinais de prohibido o paso de peóns á dársena pola zona de acceso dos autobuses; ou a formación de vados nas catro prazas de aparcamento reservadas para persoas con mobilidade reducida existentes no exterior da estación e repintado dunha delas.
En relación aos traballos para optimizar as instalacións, cómpre destacar a pintura nos paramentos exteriores do edificio da estación (fachadas e teito entrada), limpeza do cartel da estación na entrada principal e canalización cableado, mellora do drenaxe da cuberta da entrada principal. Tamén se proxectan a reparación da corrosión dos piares metálicos da estrutura da dársena, renovación das luminarias existentes na dársena, pintado e reparación dos bancos existentes na dársena e reparacións menores en aseos.
Este proxecto contempla a mellora de sinalización, colocando paneis electrónicos que informen das saídas e chegadas dos autobuses e optimizar a sinalización interior.
Plan Renove
Coa finalidade de fomentar o uso do transporte público, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas lanzou en agosto de 2013 o Plan Renove das estacións de autobuses de Galicia que contempla a mellora e modernización da rede destas infraestruturas de transporte público por estrada da comunidade autónoma.
O Plan Renove parte dunha auditoría técnica previa efectuada pola Dirección Xeral de Mobilidade a cada unha das estacións de autobuses das que é titular, co obxectivo de avaliar o estado de conservación das instalacións. Neste análise constátase que as deficiencias das estacións de autobuses se deben, con frecuencia, a unha deficiente conservación e mantemento das instalacións.
O plan finánciase con cargo ao Programa Operativo do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), que dentro dos seus obxectivos estratéxicos pretende reforzar o desenvolvemento das infraestruturas ambientais e de transportes.
Na actualidade, Galicia conta cun total de 45 estacións de autobuses, das cales a Xunta de Galicia é a administración titular de 38 estacións.











