Leis defende que a legalidade do novo goberno de Santiago

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaSantiago de Compostela
A-
A+
Europa Press

O tenente de alcalde do Concello de Santiago, Reyes Leis, defendeu que o novo goberno da capital galega que dirixirá Agustín Hernández “cumpre coa legalidade” e agregou que o BNG “o sabe perfectamente”, ao tempo que instou os nacionalistas a comportarse con “responsabilidade”.

Na rolda de prensa na que presentou os asuntos abordados na xunta de goberno, Leis vinculou o anuncio do BNG de que levará á Xustiza o novo equipo de Hernández coa “tónica habitual” de socialistas e nacionalistas de “pensar nos intereses propios dos seus partidos” e “non” dos veciños de Santiago.

Así, acusoulles de “xudicializar” a vida política no Pazo de Raxoi e de “tirar a pedra e esconder a man”, ao tempo que lles instou a “reflexionar” acerca de “a quen representan, se aos veciños que lles votaron ou a si mesmos”.

Dito isto, suxeriu que o voceiro local do PSOE, Francisco Reyes, intensificou as súas críticas para “darse a coñecer” no marco do proceso de primarias aberto dentro da formación local. “Usar os cidadáns para este interese paréceme lamentable”, sinalou, antes de situar a Cela nunha situación similar.

“Entendo que o seu problema é saber se o BNG o mantén de cabeza de lista”, remarcou, ao tempo que advertiu que “este momento” no Pazo de Raxoi é “un momento de responsabilidade”, e criticou que a oposición “leve tres anos intentando parar” o Concello mentres o PP “intentaba sacar a xestión adiante”. A “diferenza”, segundo Leis, radica entre un goberno “que xestiona” e unha oposición que, ao seu entender, non se comportou coa “responsabilidade” esixida.

APOIO “A UN PARTIDO”

En canto ao argumento do BNG de que aínda quedaban 11 edís na candidatura do PP, máis que suficientes para ocupar as vacantes que xurdiron no Concello, replicou que o que ten o Bloque “é que ser responsable” e esgrimiu que todos os membros da lista, salvo Hernández e Marta González, formalizaron a súa renuncia.

Así, puntualizou que a sentenza do Tribunal Constitucional que anula a presenza de edís non electos en concellos se cingue aos casos nos que haxan membros da candidatura correspondente que non renunciaran, un caso no que non estaría o PP de Santiago. De feito, ditas renuncias foron ratificadas no pleno deste mércores.

Sobre o feito de que houbese polo menos dous membros máis a lista popular que manifestaron a súa disposición a entrar no grupo e aos que o propio Hernández deu as grazas por iso, replicou que “a xente cambia de opinión” e cada unha das persoas é “dona da súa acta”, polo que os nacionalistas deberían respectar a súa decisión de non entrar e a “democracia”.

Tamén apuntou que dentro da lista coa que Gerardo Conde Roa concorreu en 2011 había unha persoa que levaba meses de baixa, algún xubilado, un falecido e outros membros con diferentes circunstancias que dificultaban a “dedicación importante” que esixe a situación actual.

“Se houbese algunha ilegalidade sería a Xunta Electoral Central a que tería que pronunciarse”, sinalou, para engadir que o que busca o novo goberno é traballar “tranquilo” pola cidade. “Se o BNG se quere sumar, estaremos encantados de que así sexa”, avanzou, pero deu por feito que se a actitude é a “contraria” o xulgarán os veciños.

19 de xuño de 2014 | 16:55 • Sen comentarios

Comentarios pechados.