Lalín acolle esta fin de semana unha nova edición de Feiradeza coa poxa de gando frisón
O edil de Actividade e Produción Agraria anima a gandeiros e visitantes a que durante o sábado e o domingo se acheguen ao mercado de gando para ver as últimas experiencias no que ao sector gandeiro vacún galego se refire e que demostra a boa calidade do noso sector nunha zona na que ademais somos referente
Lalín prepárase para acoller esta fin de semana a 30ª edición de Feiradeza e a 20º concurso poxa de raza frisona, un certame de referencia na zona interior de Galicia no que toca á calidade da cabana gandeira de vacún de leite. Mañá venres, 20 de xuño, ao longo de todo o día terá lugar a entrada de gando no recinto do mercado de gando e que se celebrará o sábado 21 e o domingo 22, e na que se sucederán dous días intensos de actividades, con concursos, poxas de gando, entrega de premios e sorteo dunha xovenca e dunha becerra entre os participantes.
O concelleiro de Actividade e Produción Agraria, Manuel Fernández, lembra que entre as novidades desta edición de Feiradeza está a de creación dun novo incentivo entre os concursantes, fixando así un premio de 50 euros por animal para as vacas de leite en produción sacado a pista. O resto de premios manterase de xeito semellante a anteriores edicións.
En canto ao programa de actividades hai que destacar que a poxa de xovencas terá lugar o domingo 22 pola mañá despois do concurso, sobre ás 13.15 horas (en anteriores edicións era o sábado), un cambio que vén determinado porque a esa hora dominical prevese unha maior afluencia de público, explica do edil. De seguido terá lugar a tradicional entrega de premios e sortearase unha xovenca e unha becerra valoradas en 1.000 e 500 euros, respectivamente, sinala. O concurso de novos manexadores pasa a celebrarse o sábado pola tarde despois do concurso de xatas e xovencas.
Manuel Fernández afirma que “animamos a todos os gandeiros, lalinenses e visitantes a que durante esta fin de semana se acheguen ao mercado de gando para ver as últimas experiencias no que ao sector gandeiro vacún galego se refire e que demostra a boa calidade do noso sector nunha zona na que ademais somos referente polo gran peso que este sector ten na economía lalinense e na dezá”. É de destacar que Lalín e o concello que ten o censo de granxas de vacún máis importante de Galicia, case 500, e tamén posúe o maior número de cabezas, case 15 mil, das que 12.401 son de leite e 2.555 de carne
O Comité Organizador de Feiradeza leva traballando desde o pasado mes de febreiro na articulación deste certame que conta cunha achega económica municipal de máis de 25 mil euros, destacando así o esforzo do Concello, a través da Concellería de Actividade e Produción Agraria, Relacións coas Asociacións e coas Cooperativas Agrarias e Feiras en que cada ano este certame alcance unhas máis altas cotas de excelencia
PROGRAMA DE ACTIVIDADES
Venres 20 xuño
De 10 a 18 horas: entrada do gando, verificación da documentación e aloxamento no recinto.
Sábado 21 xuño
15.30 h. Inauguración de Feiradeza
16.00 h. Inicio do concurso, seccións de xatas e xovencas
18.15 h. Concurso de novos manexadores
Domingo 22 de xuño
10.30 h. Concurso de vacas de leite e campionatos
13.15 h. VI Poxa do gando frisón
14.00 h. Entrega de premios e sorteos
14.30 h. Clausura e xantar
Xuíz do concurso: José Manuel Paz Conde, xuíz nacional de CONAFE











